O proxecto do "Atlas do viño".

Estes días, as xentes do Colado do Vento, sobre todo Javier e Paco, andamos atarefadas en facer enquisas sobre a forma tradicional na que se cultivaba o viño en toda a zona que hoxe é a DO Ribeira Sacra. 
Para xuño, teremos o traballo rematado e poderemos divulgar todos os coñecementos que estamos recopilando. Participamos nun proxecto do Ministerio de Cultura para recoller datos de todas as DO españolas, colaborando coa arquitecta Isabel Aguirre de Úrcola, mais queremos amplialo na nosa zona elaborando nós o noso propio "caderno do viño".
Podedes participar no proxecto poñéndovos en contacto connosco, se sabedes de viñateiros a quen entrevistar ou de aparellos usados na viticultura tradicional.
De momento, deixámosvos unhas anécdota, cun pouco de humor, das moitas interesantes que estamos a recoller. 

“Antes mirábase a luna para podar”. A peor lúa era a nova. “Só son dous tempos de luna: a luna só é menguar e despois volver crecer”. “Para podar mirábase máis a chea”.
Un home ribeirao díxolle ao Pepe en Chanteiro cando andaban podando: “Vós, podades na lúa nova: nin viño, nin madeira”.
O Pepe díxolle: “Nós, como non somos ribeiraos, non sabemos”. Preguntoulle ao Constante de Chanteiro que en qué lúa podaba, e este díxolle: “Eu sempre podei polo sol, non pola lúa”. Resulta que tiña unha viña onda o río e probou a vendimar un cacho en cada lúa, e dixo “eu non lle conocín nada”. Ese día que estaban podando, era lúa nova, e as parras de alicante resultou que estaban tan cheas que non daban metido o coitelo. “Aquelo foi un bo milagre”.
“O que lle mira ás lunas que quede en ayunas”.


Contounos o José Varela do Saviñao.  
"Eu podaba na chea, e tamén na creciente, ata que entraba a vella. Pero se podas na nova non se nota; a nova nótase na madeira. No carballo se podas na nova, medra cara abaixo. Na vella medra menos pero para arriba. Pero antes, os que tiñan moita viña, podaban en todas as lunas. Desde que empezaban ata que acababan, e non se notaba unhas das outras. A luna mala é a do mes de agosto, tanto a nova como a vella. As silvas, se cortabas un silveiro na luna vella de agosto, ese silveiro para retoñar, manda mecha! E, se retoña, retoña sen forza. E os toxos igual, se os cortas na luna de agosto non medran. Non sei por que..."

Ruta pola zona do río Loio [30-10-2011]

Grazas á socia do Colado do Vento, Rosana Prieto Florines, o domingo, 30 de outubro, poderemos desfrutar dunha ruta guiada pola zona do río Loio.

* Saída de Sober: 9:15 horas - En coches particulares (organizarémonos para levar os menos posibles).

Programa da visita (os horarios son aproximados).

*  10:10 horas - Visita á igrexa románica de Santa María de Castro de Rei (en coches).

* 10:40 horas - Igrexa románica de San Miguel (en coches).

* 11:15 horas - Inicio da ruta a pé "Rego Ruxidoira" (Paradela), de aproximadamente tres horas, visitando:

- Muíño de Pías.
- Muíño da Retorta.
- Igrexa románica de Suar.
- Portocaneiro.
- Ribeira do Loio: vistas das aldeas de Suar, Castro, Celmán e do río Loio.
- Mosteiro de Santa María de Loio e castro.
- San Xoán de Loio.
* 14:30 horas - Xantar en San Xoán de Loio [15 €].

* Tarde - Visita a San Facundo (en coches).

IFORMACIÓN
- Para participar na visita, hai que anotarse antes do 28 de outubro en coladodovento@gmail.com ou no 982460703. 
- A visita é gratuita, só haberá que pagar o xantar.
- Organizarémonos para levar só os coches necesarios.

Polafía no Pazo de Tor [22 - outubro - 2011]


Sábado, 22 de outubro de 2011, ás 6 da tarde.

Música, contos, cantos e memoria das tradicións do propio pazo e dos arredores.

Coa participación de Mini e Mero, O Trícole, Isidro Novo, Alfonso Campos, Ángeles Rivada González, Marisa Álvarez e moitas veciñas e veciños da contorna co seu saber contar e cantar.

Entrada de balde.

Organiza: Asociación de Escritores en Ligua Galega.

Colaboran: Museo Provincial Pazo de Tor - Asociación Cultural O Colado do Vento - Grupo O Trícole.

Patrocina: Área de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo.

Presentación da obra poética completa de Xosé Lois García [18-10-2011]

O martes 18 de outubro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Praza de España, 2) de Monforte, preséntanse Por ninguén aloumiñada e No sangue dos bardos, os dous tomos que conforman a obra poética completa de Xosé Lois García, publicados en Toxosoutos. No acto, acompañando ao autor, participa Camilo Gómez Torres, prologuista da obra.

FOLLETO: O ROMÁNICO DE SOBER (actualizado - 14-11-11)

Imos achegarnos á arte europea por excelencia: o Románico, estilo que no país galego ten a súa auxe no século XII, momento de peso político do Reino de Galicia no contexto europeo, prolongádose no século seguinte.
En Sober, o Románico maniféstase en forma de pequenas igrexas rurais; xoias que se manteñen, mal que ben, no seu uso orixinal e principal: lugar de culto cristián e de reunión da comunidade parroquial.
Intentemos, cando visitemos as igrexas, vislumbrar os motivos polos que foron feitas, poñérmonos no lugar das comunidades que invertiron os crecentes excedentes da actividade agraria na edificación de templos e cidades de Deus: estaban soamente destinados a manter o control da sociedade por parte das elites ou motivábaos un profundo sentimento relixioso? Acaso habería que combinar ambas explicacións? Eran os humanos da época conscientes de estar erguendo sólidas edificacións que os ían sobrevivir séculos?
Preguntas que ha de desvelar o exercicio da ciencia histórica e cuia resposta nos axuda a comprendérmonos mellor a nós mesmos. Temos algunhas claves, pero é moito o camiño por andar na procura da verdade histórica nun país coma Galicia. De momento, penetremos na peculiar atmósfera das igrexas románicas e gocemos da beleza que crearon os nosos antergos.

* Aquí pode descargar un folleto de 16 páxinas, con fotografías, sobre o Románico de Sober.


crónica - Viaxe a Parada de Sil (2-10-2011)

Vista dende o miradoiro de Cabezoás.
Un domingo post-vendimas, co corpo aínda delorido, marchamos algunha xentiña de Sober - e arredores - de visita á outra beira do país ribeirao: as terras de Parada de Sil.


Canón do Mao.
Sabida é a unidade paisaxística e histórico-cultural que conforman ambas marxes do canón do Sil, por iso nos sentimos coma na casa, pero iso non quita que haxa algunha que outra diferencia. A fundamental radica na distinta orientación das ladeiras: cara o sul, no caso da limesa (=de Lemos), cara o norte a da beira caldelá (=de Caldelas). Esto orixina unha vexetación mediterránea e un cultivo intensivo da terra dende antigo, do noso lado, coa omnipresente paisaxe de viñedo asocalcado, e unha vexetación fraguiza no caso ourensano, que alterna cos viñedos nas ladeiras orientadas meridionalmente. Deste xeito, desplazarse por Parada foi un permanente deambular por paraxes á sombra, entre soutos, e por lugares onde o sol picaba de máis. Pero esta simplificación oculta a gran diversidade de medios e paisaxes da vertende caldelá, coma o impresionante canón do Mao, un micromundo singular dentro da unidade ribeirá.

No aspecto etnográfico, achámonos no que poderiamos chamar o "triángulo dos oficios tradicionais" pois, se de Parada saían os barquilleiros e de Nogueira de Ramuín os afiadores, de Sober exportabamos augardenteiros - ou alambiqueiros - por Galicia adiante.

Historicamente sempre estivemos vencellados os dous lados do Sil, pois os grandes mosteiros do lado ourensán ben que aforaron terras do lado soberino, cando o río corría e o surcaban as barcas, que se mantiveron ata que o encoro veu a asulagar as mellores terras a prezos irrisorios para surtir de luz a outros lugares. 

Comezamos a excursión - organizada pola asociación O Colado do Vento - cun paseo dende a fábrica de luz do río Mao ao lugar de Barxacova, por pasarelas de madeira que permiten camiñar polas empinadísimas vertentes do Mao.


Pasarelas no canón do Mao.


Fomos logo ao miradoiro de Cabezoás, cunha panorámica privilexiada do enorme bloque granítico das terras de Bolmente, onde nos dimos conta da rotundidade que realmente ten o canón.
Miradoiro de Cabezoás.


O canón do Sil dende Cabezoás.


Despois dun xantar en Parada visitamos o mosteiro de Santa Cristina, coa igrexa de finais do s. XII e inicios do XIII e o claustro do s. XVI, lugar acaído onde deter o tempo e esquecer os quefaceres cotiáns, ao que pertenceron a vila de Pinol e a igrexa de Bolmente, do noso lado, o que testemuña a unidade histórica dos nosos territorios. Dende alí vimos a ribeira de Bolmente e lembramos cando a mocedá dalí cruzaba o río en Barca para vir ás festas de Cadeiras e a de aquí facía outro tanto para ir xantar ao San Bieito a Parada.





 Achegámonos logo ao miradoiro dos Torgás, visita obrigada para a xente de Sober, onde mirar de fronte o monte de Cadeiras, con toda a ribeira de Santiorxo ao oeste e o mundo de Chanteiro ao leste. Estamos no punto onde comeza o mundo granítico do canón, cara occidente, e onde as formas se suavizan e se abren, cara oriente, por mor da presenza de rochas pizarrosas máis brandas.

Os Torgás.

Xa na tardiña, achegámonos ao pobo de San Lourenzo, por carreteras imposibles, para ir ver a recén descuberta necrópole de San Vítor.






Unha agradable xornada no lugar dos topónimos que enchen a boca: Cristosende, Barxacova, Sacardebois, Purdeus Rabacallos, Lumeares... Nomes que son antídoto contra a desmemoria.


Organizou a visita Javier Vivirido, o noso presidente, coa axuda de Alberto Fraga. As fotos son de José María Lago. Graciñas!

VIAXES POR PARADA DO SIL E AO CASTRO DE VILADONGA

Este outubro imos coñecer o patrimonio de Parada do Sil (2 de outubro) e imos visitar o castro de Viladonga (13 de outubro).

- Viaxe a Parada do Sil. 2 de outubro (prevista para inicios de setembro, suspendeuse pola choiva). Máis información da visita aquí.
- Visita ao castro de Viladonga e a outros lugares de interese. 13 de outubro, no marco do programa Km0 da Deputación Provincial de Lugo. Hai que anotarse en coladodovento@gmail.com ou en 659323833 antes do 5 de outubro. 

RÍO SIL: HISTORIA DUN SOÑO


* No ano en que se cumplen 20 anos de andaina do Deportivo Río Sil colgamos a historia dos dez primeiros anos do equipo (1991 - 2001), escrita polo socio do Colado do Vento e impulsor do Río Sil Ramón Sandoval, agardando que o cronista complete o relato coa historia da segunda década do Río Sil, ao que desexamos outras vinte primaveras máis, polo menos. Parabéns!

Ramón Sandoval *escrito no ano 2001

No campo dos Escolapios, 1996.
Segundo os antigos gregos as cousas suceden para que despois, con maior ou menor fortuna, alguén as conte. Neste caso o cronista non é moi bo pero a historia vale a pena.

O Deportivo Río Sil é un equipo de fútbol de Sober fundado no ano 1991 e desde entón participa ininterrompidamente na competición da liga, Segunda Categoría Rexional, e na Copa Deputación de Lugo. Xogou 309 partidos oficiais dos cales gañou 123, empatou 77 e perdeu 109; ten 406 goles a favor e 434 en contra. 53 xogadores vestiron nalgún momento a camisola do equipo, deles Abel é o máximo goleador con 64 goles.

Destrás destas cifras (do ano 2001), impersoais e frías, atópase unha historia de esforzos, de traballos que ás veces non son agradecidos, de triunfos e fracasos, de superar atrancos económicos con imaxinación. Esa é a historia que eu quero contar.

A finais do ano 90 un grupo de xente tenta sacar adiante un proxecto: a creación dun equipo de fútbol. ¿Cales son as razóns que moven a estas persoas cando en Sober, pobo pequeno e de escasa poboación, xa había outro equipo no concello?

Ano 1994.

O F. C. Sober levaba xa uns anos de traxectoria. Nacera como nacen todos os equipos, co obxectivo de dar saída as inquedanzas futbolísticas dos mozos da zona. Pero o ambiente andaba algo enrarecido. Polas razóns que foran - e que quizais, algún día, a directiva de entón deba explicar - os xogadores naturais de Sober estaban sendo relegados, esquecidos, todo o contrario dos foráneos (o F. C. Sober apuntábase daquela á moda dos "estranxeiros", tan en boga hoxe en día) que non só non eran mellores cós da casa senón que algúns eran bastante peores. Esto foi xerando un malestar, un descontento. Os xogadores soberinos atopábanse cada vez máis afastados do equipo, tanto polo adestrador, o cal puidera ser normal, como pola directiva, o cal era totalmente incomprensible.

Un día, falando da súa situación pensaron que había que facer outro equipo que soamente se abastecera con xente de Sober, un equipo ao que lle importase máis o fomento do deporte e o apoio á canteira local cá os resultados ou a clasificación: "É UN SOÑO PERO, QUEN SABE..."

Así que empezaron a fermentar a idea. Pero había que involucrar a máis persoas. Entón, falaron co Miguel de Bulso. Eles quizais non o sabían, pero Miguel era o home adecuado para liderar ese proxecto: activo, decidido, emprendedor, coñecido en todas as partes, amante do risco e rápido de reflexos. E a Miguel a idea gustoulle. Seguro que dixo: "¿Que hai que facer un equipo? ¡Pois faise e xa está!".
A partir de aí contactos, reunións, ideas, suxestións.

* O terreo de xogo estaba claro: o campo da Carqueixa. A Carqueixa é un campo clásico, mítico na zona, décadas e décadas de fútbol de rapaces e non tan rapaces. Os que xogamos nel lembrámolo como un campo duro, seco, moi seco no verán, embarrado no inverno e con toxos polas bandas; pero cuns arranxos podería valer. Xa tiña un valo metálico rodeando o recinto e unha caseta case rematada. Había que mellorar e ampliar esas instalacións.

* Expónselle a idea ao Concello. A verdade é que o Concello de Sober nunca se amosou moi receptivo ás manifestacións deportivas e de índole cultural. E ao longo destes anos a súa actitude cara o Río Sil foi sempre de certo desinterese. Malia todo, dá cada tempada unha subvención e ese primeiro ano aportou o material para levantar os vestiarios e a caseta arbitral.

* Na cantina de Bulso celébrase unha xuntanza. Hai que por en orde todo o proxecto. Primeiro, buscar o nome para o equipo. Quen esto escribe suxire Deportivo Río Sil. O nome gusta, é curto, recórdase ben, posúe certa musicalidade e cita ao río que ten unha importancia salientable no noso municipio. E decídese que DEPORTIVO RÍO SIL sexa o nome do equipo.

Fórmase unha primeira directiva.
- PRESIDENTE - Miguel Díaz Páramo
- VICEPRESIDENTE - Ovidio Vázquez Arias
- SECRETARIO - Juan Ramón Pérez Pérez
- TESOUREIRO - José Manuel Vila Valdés
- VOCAIS - José Conde Rodríguez - Ramón Marcos Fernández

Márcanse as directrices básicas da filosofía que debía presidir o club: este estará integrado por xogadores de Sober, ben por cuestións de nacemento, residencia ou vínculos de índole especial; non se pagará ningún tipo de soldo; todos os postos cubriranse con persoal da casa, incluído o de adestrador se se pode; os xogadores que queiran serán unha parte máis da directiva e participarán nas decisións que tome esta, así como nos distintos traballos que haxa que facer. Tratábase de crear un club interactivo onde todas as partes colaboraran no seu funcionamento e desenrolo, participaran na consecución dos seus obxectivos e sentírano como algo verdadeiramente seu.

Fálase dos futbolistas que integrarían a plantilla. Hai dabondo. Por un lado, os "desauciados" do F. C. Sober (que por experiencia deberían levar o peso do equipo) e, por outro, rapaces novos sen ningunha experiencia na participación competitiva do fútbol organizado, pero con moitas ganas e ilusión. O adestrador será Ramón Martínez, "Marrero".

Faise tamén unha aproximación ao tema económico e recádanse os primeiros cartos para afrontar os gastos máis urxentes.

Ao saír de Bulso levedaba no aire a certeza de que a historia marchaba. O SOÑO EMPEZABA A TOMAR FORMA.

Mentras tanto, a noticia espallábase por Sober coma un regueiro de pólvora. Algúns incrédulos cavilan que iso non chegaría a ningures, que se escagallaría coma unha morea de pedras mal postras; outros, que anque se fixera o equipo este duraría pouco, seis meses, unha tempada, quizais, e despois todo ao carafio. Pero os que tentaban sacalo adiante pensaban: "ESTAMOS ERGUENDO UN SOÑO: QUE NON ESPERTE NINGUÉN".

O 24 de xuño de 1991 o Río Sil afíliase á Federación Galega de Fútbol.

Cuns polos en Taboada antes dun partido contra o equipo local, 1994.
Quedaba por ver a resposta social e o apoio que a xente de Sober deu ao novo equipo foi importante. En pouco tempo conseguíronse case 200 socios e moitas empresas e casas comerciais colaboraron decididamente instalando publicidade no campo e facendo substanciosas contribucións económicas. O Río Sil xa tiña todo o necesario para comezar.

O 22 de setembro de 1991 celebra o seu primeiro partido oficial enfrontándose ao Chantada nesa localidade. Aguantan ben a primeira parte, pero afúndense na segunda debido, quizais, á inexperiencia, exceso de nervios, falta de forma física, e acaban perdendo por 7-0. Nunca volveron sufrir unha derrota tan abultada.

O equipo inicial estaba formado por: Juan, Luís, Chupitos, Félix, Tito, Ángel, Iván, Jorge, Rafa, Verao e Castro. No banquillo atópanse Sanxís, Jorge II e Perocho.

O domingo seguinte enfróntanse no campo da Carqueixa ao Barrela. O partido comeza mal e no descanso o Río Sil perde 0-2. Témese outra goleada. Pero, na segunda parte a garra, a raiba, o pundonor suplen as carencias técnicas e superan a adversidade do resultado. Empate 2-2 ao final. Un empate que case tiña sabor a victoria.

O desprazamento seguinte é a Guntín. O Río Sil gaña 0-3. É o seu primeiro trunfo: unha inxección de moral moi importante. O equipo xa sabe que é gañar, xa ten o respecto dos demais, hai que contar con el. O SOÑO É XA UNHA REALIDADE.

A primeira volta é de altibaixos, non se acaba de coller o ritmo e nótase certo nerviosismo. Mediada a liga tómase a decisión máis fácil: cambio de adestrador. Ca perspectiva que dá o tempo penso que foi un dos poucos fallos que se cometeron en organización interna. Non había tanta urxencia. O certo é que o revulsivo funciona. Manuel Vázquez "Cobas" levanta a moral do equipo e este mellora moito tanto en xogo coma en resultados. Esta boa racha funciona na Copa Deputación (con Juan Ramón Pérez "Buyo" de adestrador), onde, para sorpresa de moitos, o Río Sil chega ata semifinais. Pero, os verdadeiros atrancos non estaban precisamente no eido deportivo.

Ano 1996.

O que marcou estes primeiros tempos foron as deficiencias en canto a infraestructuras e os esforzos que custaba suplir esas carencias. Só a moita ilusión e a unión que había puido evitar a desmoralización. É difícil partir de cero e lograr consolidar o proxecto. Case todos os traballos e melloras do campo se fixeron pola propia man, pagándose con cartos de seu, e nesas tarefas colaboraron tanto directivos como xogadores e mesmo afecionados. Serva como exemplo das dificultades citar que durante meses non houbo luz eléctrica no campo; tampouco había auga corrente e para beber e ducharse traíase en garrafas, cometido no que todos colaboraban (e diso Verao pode falar moito). Máis tarde encañouse auga do pozo dun veciño. Terían que pasar dous anos para que, coa axuda dunha subvención da Deputación de Lugo, se puidera facer un pozo artesán, e con algún pozo máis dos arredores vaise conseguindo regar mal que ben o campo no verán

Por descontado que a situación económica era complicada e son os propios xogadores os que teñen que pagar do seu bolso parte do material deportivo que utilizan.

Nos seguintes anos realízase unha labor meritoria na mellora das instalacións da Carqueixa; moi meritoria se se ten en conta que mentras a outros equipos do Concello se lles subvencionan todos os gastos de infraestructura no caso do Río Sil é o propio club o que debe sacar do seu cativo orzamento os cartos para este tipo de traballos.

Entre as obras realizadas cómpre salientar: mellora do terreo de xogo con sistema de drenaxe, nivelación e sementeira; reformas nos vestiarios e caseta arbitral con colocación de plaqueta; instalación de alumeado e sistemas de rego; levantamento dunha nova caseta na que instalar o bar.

Na actualidade, coa axuda da Deputación de Lugo está a piques de rematar a construción dunha grada cuberta para o público. Quedan pendentes o levantamento dun valado ou muro exterior arredor do recinto e unha mellora profunda do terreo de xogo. Pero estas son obras dunha envergadura económica tal que o club non pode asumir sen axuda exterior.

No eido deportivo a tempada 92-93 significa o asentamento do equipo, unha campaña irregular na liga e unha explosión de bo xogo na Copa da Deputación chegando outra vez ás semifinais (perdeu o acceso á final ante o Taboada na serie de penaltis).

Ese foi o inicio da época dourada do Río Sil que o levaría nas vindeiras tres tempadas a estar no grupo da cabeza da competición de Liga pelexando polo ascenso, acadando ao final das mesmas dous terceiros postos (cómpre lembrar que só ascendían os dous primeiros).


Cando máis cerca estivo do ascenso foi na tempada 93-94. Daquela o Río Sil tiña unha defensa moi sólida e segura, Ernesto marcaba as diferencias en canto á técnica e visión de xogo e Manote amosábase como un goleador inapelable cunha media de case un gol por partido.



Durante toda a competición estivera de segundo en dura loita co Becerreá e o Brollón (o Taboada, de primeiro e destacado, ía por libre). Na última xornada, cos tres equipos empatados a puntos, o Río Sil perde en Rodeiro 3-2, favorecendo ao Becerreá que é quen acada o ascenso. Esvaíase así a esperanza a un premio ao esforzo; a ilusión e o traballo de meses esnaquizábase en noventa fatídicos minutos. Nas facianas dos xogadores desencanto. Se Arsenio Iglesias estivese alí, coa súa melancólica resignación, diría que "que tiña que ser así", que no fondo é o mesmo que dicía Vujadin Boskov "fútbol es fútbol"; unha simple frase sobre a que se pode escribir un compendio de filosofía de fútbol. Naqueles intres de nada valía lembrarse das palabras de Álvaro Cunqueiro "mil primaveras han de vir": a desilusión era unha ferida demasiado fonda.

Volvería acadar un terceiro posto na tempada 95-96 con Ricardo Vázquez "Richar" como adestrador, anque ao final non foi tan apertado e os postos de ascenso xa se decidiran xornadas antes.

Entre medias, na tempada anterior, co equipo adestrado por Manuel Trigo conséguese un quinto posto a só 4 puntos do ascenso.

Foi por esa época cando a Carqueixa se converteu nun fortín, nun búnker inexpugnable para os equipos visitantes. Durante máis de tres anos (desde o 05-12-93 ao 29-12-96) o Río Sil mantivo a imbatibilidade no seu campo en partido oficial. Un récord que poucos equipos deben posuír e unha das razóns nas que se baseaba a súa boa traxectoria.

Nos últimos anos prodúcese un certo declive deportivo, propiciado polas baixas dalgúns xogadores e porque quizais non funcionou como debera o cambio xeneracional. O equipo adestrado por xente nova (Verao, Óscar) mantense na zona media-baixa da clasificación ata esta última tempada na que da man de Antonio López e gracias a unha espléndida segunda volta acada ao final o cuarto posto.

Unha lembranza especial merecen os partidos contra o Sober. Ao ser dous equipos do mesmo Concello a rivalidade é moita; está en xogo non só o triunfo deportivo, senón a forma e a filosofía de levar un club. A tensión vívese entre os xogadores, pero tamén tanto ou máis entre as afecións que acoden en gran número. Posiblemente nunca houbo tanto público coma nestes enfrontamentos que se producían ata catro veces na tempada, dous na liga e dous na Copa da Deputación. Neste ano 2000 tamén se enfrontaron co gallo do 1º Trofeo de Fútbol da XX Feira do Viño de Amandi. Despois dun choque igualado e rematado o encontro cun empate 1-1 o Río Sil impúxose na serie de penaltis.



Un dato salientable é a confianza e a facilidade que moitos xogadores depositaron no equipo ata o punto que 8 destes figuran dende o primeiro ano nas ringleiras do club: Juan, Conde, Sanxís, Alberto, Óscar, Verao, Jorge e Jorge II. E hai moitos outros nos que a súa ausencia débese exclusivamente a que deixaron a práctica do fútbol. Esto amosa as boas relacións entre a directiva e xogadores e segue vivo o espíritu de unión e camaradería que sempre abandeirou o equipo.

Xantar en Cadeiras na actualidade.
Outro dato digno de mención é o xantar que todos os anos por xullo e agosto organiza o Río Sil no campo do Santuario de Cadeiras para a súa masa social. Máis de 200 persoas se teñen xuntado nesa comida de confraternidade, nesa festa de irmandade que demostra que ás veces un club pode ser algo máis que un club.

Dadas as dificultades económicas, as carencias infraestructurais, o pouco apoio das institucións e a indiferencia do Concello, a supervivencia do Río Sil só se pode explicar polo moito esforzo e ilusión que ao longo destes anos puxeron nel unha chea de persoas.

Sería demasiado longo citalas aquí a todas pero é de obrigado cumplimento nomear algunhas: a Miguel e Ovidio, que traballaron a reo na primeira etapa do Río Sil; a Albino e Antonio, que no ano 95 tomaron o relevo como presidente e vicepresidente respectivamente e que son incontables e impagables as horas que lle dedican ao equipo, sobre todo nas tarefas de coidado do campo; a Conde, Verao, Óscar, Alberto, Juan... que son xogadores pero foron sempre moito máis ca xogadores; a Trigo, Sessé, Juan Ramón e tantos outros.

Entre todos levantaron este equipo. Entre todos fixeron posible este soño do Río Sil.

QUE NON ESPERTE NINGUÉN

* Publicado orixinalmente en: ASOC. DE VECIÑOS "PROENCIA" (2001): Proencia. nº 4. Boletín da Asociación de Veciños Proencia de Proendos.