A MÁMOA DO MONTE DOS COUSOS


Alfonso Campos Pérez


Polo Monte dos Cousos pasaba o antigo camiño a Mourentán frecuentado na época de muíñada polos de Ceceda e os de Marcelle. Todos miraban para aquel bulto redondiño emerxido da chaira do redor e imaxinaban os tesouros agochados polos mouros, esa raza de homes e mulleres con poderes sobrenaturais. Mais ninguén se lembraba xa dos buscadores de alfaias agochadas na medorra aínda que fose evidente o gran foxo practicado no seu centro e xa ninguén daba fe de que o que sacaron dalí, ademáis duns anacos de olas rotas, foran unhas pedras grandes da mesma clase esquistosa que as da parroquia. Eran tempos de máis de novecentas almas na feligresía, de rabaños de ovellas, de terras traballadas ata converter aqueles montes en agros de pan coma un mar de ondulacións verdes ao son do vento da tardiña; tempos de tránsitos e trafegos. Logo, veu o despoboamento e o abandono,   cubríuse todo de broza e con ela tamén a mámoa redondiña e o vello camiño transformouse en pista asfaltada cara o cruce do Cadaval onde se celebraba o dezasete de cada mes unha concurrida feira: pendellos, as cantinas do Colón, do Pistón, do Mourentán e a cantina do Chorlas resistindo, aínda, como esquelete de ladrillo.

Cantina do Chorlas, O Cadaval, Doade.

No Monte dos Cousos fíxose o campo de fútbol e o aeródromo para a prevención de incendios e a mámoa resistiu no borde mesmo, como atalaia dende a que algún, á sombra dun carballo que nacera nela, seguía os partidos entre os solteiros e casados de Doade. Resistiu. Doutras da contorna só quedaron os nomes cos que a xente bautizou aqueles fitos singulares da paisaxe: Medorra, mámoa, anta, meda, forno, arca… E moitos máis, que a nosa língua é rica nos matices e nas exactitudes cando cómpre. Por iso estamos no Monte dos Cousos e a toponimia parece referirse a un peche para o gando ou foxo para os lobos. Velaí como os máis vellos  acordan un foxo de lobos que era dos Camberos, feito cando abundaba este fermoso e mítico animal nos nosos montes. Nesa ancestral guerra entre o home e o lobo, tamén  convivencia e colaboración - aí está o can para demostrárnolo -, o devir fixo perdedores aos dous: o inimigo era outro.

Posibles restos da Ponte de Paradela, Doade.


A mámoa durmiu o soño dos seus moradores durante moito tempo ata que os responsables da loita contra os incendios forestais decidiron desbrozar a zona para despexar a área de despegue – aterraxe das avionetas. A casualidade fixo o resto. O noso amigo Daniel, arqueólogo e enfermeiro da Coruña, que xa ten participado con nós nas actividades do Colado do Vento, veu de visita. A nosa intención era que vira a Ponte de Paradela, esa que nos describe o licenciado Molina no 1550 e logo, entre outros o pai Sarmiento que xa a ve escagallada. A baixada do nivel das augas do encoro daban a oportunidade de ver os seus restos a carón do Sil, no límite entre os concellos de Sober e de Monforte. O destino,¡xa vedes!, dá sempre reviravoltas coa súa esencia tarabela. Íamos no coche latricando apaixoadamente e, sen saber como, chegamos a Mourentán, fóra da ruta pensada. O Daniel, coas súas teimas de avezado escudriñador, cortou a conversa para decir: “Esta es una zona buena de mámoas”. Foi decilo, berrar ¡mámoa!  e mandar parar o coche. Ao pouco estaba empoleirado no cima.
Engadamos, pois, á mámoa da Carqueixa a do Monte dos Cousos de uns 30 metros de diámetro por 2 metros de altura co seu foxo de violación no medio.

MÚSICA NA COVA DAS CHOIAS

Crónica de Xesús Torres Regueiro
POLOS CAMIÑOS DA TERRA


Convocados polos amigos de O Colado do Vento, asociación cultural de Sober, visitamos na calorosa tarde do 26 de agosto de 2010 a Cova das Choias, da que oíramos falar hai tempo. Lembramos que “A cova das choias” foi o nome que Xosé Díaz, fillo de Isaac, xunto co desaparecido Chichi Campos, lle deron á primeira publicación de banda deseñada galega que saíu publicada nos anos setenta en Xenebra e realizada polo grupo do Castro, da man dos dous citados. Coñecían aqueles mozos en verdade a cova?

Na Pobra do Brollón xuntámonos os que viñan de Sober con Alfonso e Luis, un grupo de xente da Pobra co seu alcalde Xosé Luis e outros que se enteiraron pola prensa, tal o noso caso, para sair en caravana cara a cova.

A Cova das Choias atópase na parroquia de Óutara, a carón da aldea de Biduedo no concello da Pobra do Brollón rubindo cara o Incio. Parece ser que é de orixe natural, aínda que logo foi ampliada e explotada e ampliada polo home para extraer o mineral de ferro. Precisamente, na aldea destaca un conxunto que foi ferreiría e que sofreu ultimamente unha restauración. A toponimia próxima tamén fai alusión ao ferro: Ferreirúa, Ferreiros...

Ao entrarmos na cova chaman a atención as cores dos liques e musgos dun verde cuase fosforescente, quizá produto da oxidación do ferro, e sobre todo a enorme amplitude da bóveda, que acada uns 30 metros de altura. A cova ten unha lonxitude duns 120 metros, segundo lemos nalgún sitio, que nós medir non a medimos nin a andivemos toda.


No nivel intermedio érguense formacións rochosas de formas caprichosas. Aquí foi onde o musicólogo Pablo Carpintero asentou os seus bártulos para dende alí ofrecer unha pequena lección de música con instrumentos populares. Carpintero, amais de doutor en Ciencias, é un estudoso e intérprete da nosa música tradicional. Ven de sacar hai pouco un estudo monumental sobre “Os instrumentos musicais na tradición galega” e tiña interese en saber como soaban algúns dentro dunha cova. Tamén un grupiño da coral de Sober probou a capacidade sonora da bóveda.

O gran narrador Ánxel Fole, quen botou tempadas no Incio na postguerra, inclúe no seu “Terra brava” un relato de crimes e misterio ambientado precisamente na Cova das Choas (como el escribe), onde moraba o Monstro, un ser humano de aparencia monstruosa. Segundo o escritor lugués: “chámase a Cova das Choas porque alí veñen a recollerse as choas, polas anoitecidas, en bandos de centos e centos. E tamén aniñan alí. Según sentín contar, os vellos chamábanlle a `Cova dos Alláparos`. Non sei de que lenda viría iste nome… Os alláparos, que nautres chámanlles `olláparos´, según os libros antigos, eran us homes misteriosos que tiñan un ollo enriba da caluga, ademais de outro na frente… Ditosos iles, que non tiñan que temer tanto dos traidores, coma temos nós…”.

Don Eladio Rodríguez di no seu diccionario enciclopédico que a cova é famosa en toda a provincia de Lugo. Xa Madoz, na primeira metade do século XIX, fala dela dicindo que servía de albergue a milleiros de “cornejas” ou choias que saían a percorrer os arredores regresando ao anoitecer. A choia, chova ou choa (como di Fole) é da familia dos córvidos. Hoxe parece que xa non hai choias, mais si morcegos que foron estudados hai uns anos por biólogos. Existe outra cova co mesmo nome na Urdiñeira, na parte sur dos montes ourensáns do Invernadoiro, mais esta non a coñecemos.    

O lugariño de Biduedo ten o seu encanto e de sempre nos chamou a atención nas varias ocasións en que pasamos pola estrada cara o Incio. Fole, que era un bo descritor das paisaxes, dinos del pola boca do médico protagonista:
“Xa sabes que ten cinco ou seis casas, i hoxe coma fai trinta anos. No cimo dun cotón hai unha igrexa pequeniña e moi vella, e sobor do río unha ponte de vigues, sin baranda. Pasa por eilí un camiño que vai á serra, que ten unha calzada moi antiga.
Río abaixo, non lonxe, atópase a Cova das Choas. É unha abertura na beira do monte, de moito vagantío. Sempre penséi que era a entrada dunha mina de ferro de tempos dos romanos. Non sei si atinaréi...”

Se a Cova das Choias é de orixe natural, seguramente no seu interior xa se escoitou algún tipo de música primitiva con instrumentos rudimentarios tal os que utilizou Pablo Carpintero. E tamén, por suposto, a voz humana, aínda que aquelas cancións fosen ben diferentes das dos coralistas de Sober. Con todo, saímos dalí coa sensación de asistir a algo novidoso. 


Notas do curso Home, auga e paisaxe na Ribeira Sacra.

* Accede aquí ao documento.

O viño chega a Galicia antes que a vide: os romanos tran o viño a Galicia, como produto comercial, pero que non é ata época sueva cando se inicia o cultivo da vide no noso país.
Non hai ningunha evidencia de que na Ribeira Sacra, coma no resto de Galicia, se cultivase viño en época romana, polo que a historia do viño de Amandi consumido polos emperadores de Roma non é máis cá unha ensoñación.
Ata aquí as notas das conferencias. Calquera erro é só atribuíbel á transcrición, non aos ponentes.
A cuestión de por qué nos interesan máis as películas de romanos cá a complexa e interesante realidade que pouco a pouco imos desentrañando é outro asunto, relacionado coa mecánica de ver todo con ollos de consumidor, e será que ao consumidor lle interesa máis a Roma imperial imaxinada que unha comarca campesiña da Romania pero, como deixou dito Kant, “cómpre distinguir aquilo que ten dignidade do que só pode ter valor”.


Paula Vázquez Verao - 21 - novembro - 2010.

andando os camiños do río

"A monumentalidade da Ribeira Sacra"
Artigo de Alfonso Campos Pérez publicado en Terra e Tempo, nº 145/146.


OS MUÍÑOS DO XABREGA

Leticia Sáez Rodríguez sobre notas de Alfonso Campos Pérez


Os muíños denomínanse polo mote da casa do dono. 
Loxicamente, os muíños estaban comunicados entre eles. Nos Portelos había un camiño ao que lle chamaban O Camiño Novo. Hoxe están practicamente cegos, pero antigamente foron moi transitados.

ALGUNHA FLORA
Ameneiro ou amieiro (o máis abundante).
Bidueiro ou bídolo.
Carballo.
Piñeiro.
Salgueiro.
Chopo.
Olmeiro.
Castiñeiro
Freixo.
Acacia.
Xesta.
Xesta rubia.
Érbedo.
Aciñeira.
Cirdeira.
Tomiño.
Romeo.
Silva.
Videira.


PLANO DOS MUÍÑOS E ESTADO DE CONSERVACIÓN
[NOTA - Hai que ter en conta que algúns dos muíños están sendo rehabilitados por un Obradoiro de Emprego, co cal esta información pode cambiar proximamente].


1 - Do Xosé de Vales - Desaparecido.
2 - Do Sindo do Faldrán - Estado aceptábel de conservación.
3 - Do Sindo do Faldrán - En moi bo estado de conservación.
4 - Escaleira de Vales, do Sindo do Taro - Estado ruinoso.
5 - Do Riol de Camilo - Desaparecido.
6 - Do Guicho - Estado ruinoso.
7 . Do Ferreiro - Estado ruinoso.
8 - Do Arias de Arxemil - Desaparecido.
9 - Do Noguedo de Santiorxo - Estado ruinoso.
10 - Do Roque do Arroxó - Entre maleza, ruinoso.
11 - Do Conde de Camilo - Entre maleza, ruinoso.
12 - Do Souto de Arroxó - Conserva as paredes.
13 - Do Chucán de Matamá - Ruinoso, conserva algunha roda.
14 - Do Roque do Arroxó - Restaurado por atoparse en bo estado de conservación.


15 - Do Nemesio Fernández da Boca - Conserva parte das paredes e das rodas. Restaurado.


16 - IDEM - Ruinoso.
17 - Do Ramiro Pérez da Boca - Conserva todos os elementos propios dun muíño.
18 - Do Chucán do Couto - Ruinoso, perto de viñedos. [NOTA - Hoxe restaurado cun deseño contemporáneo como fábrica de luz (que nunca funcionou)].



19 - Dos Navás - Conserva as paredes e o lintel da porta.
20 - Do Chucán do Couto - Inaccesible pola maleza.
21 - Do Conde de Camilo - Sen tellado dende 1987. Muíño de doble rodicio.


22 - Do Santomé do Arroxó - "O mellor", a dicir do informante.
23 - Do Nemesio Fernández da Boca - En bo estado de conservación. De noria vertical.
24 - Do Santomé de Arroxó - Sen cuberta, pero en bo estado.
25 - Pedras do Couto - De difícil acceso e ruinoso.
26 - Do Ramiro da Boca - Restos da canle e ponte.
27 - Do Toxedo - Desaparecido.


ELEMENTOS DUN MUÍÑO




A presa onde se desvía a auga do regato que se conduce por unha canle que por ir subida nun muro na parte final para aproveitar mellor a forza da auga. 
O cubo por onde se precipita a auga, regulada polas canadelas, que ía parar ao rodicio; a auga cae nas pás do rodicio e move a vara que fai xirar a pedra situada sobre o pé. Todo é rodado pola caixa para que a fariña non se extenda polo muíño.
Por riba está a moxega onde se bota o grao e os andantes para mover a pedra á hora de picala. Nesta andar estaban os picos para preparar as pedras, as cribas ou peneiras. No andar interior atopábase, ademais do rodicio, o aliviadoiro, que era o lugar por onde saía a auga outra vez para o regato. As paredes eran de pedra granítica mampostada, xeralmente con xanelas para que entrase a luz. Cerca da porta acostumaba a haber unha ou varias pedras saíntes na parede: os pousadoiros.
Os muíños tiñan un dispositivo que o facía parar en canto se acababa o grao: a trampa que pechaba a auga. Tamén acostumaba a haber rodos, fouces e candís por se era preciso quedar pola noite.



RELACIÓNS SOCIAIS NO MUÍÑO
Cando participaban as mulleres facíano cuns papeis específicos.
Cada muíño tiña o seu lugar e a súa clientela máis ou menos fixa. "Eiquí había moitos que cando había auga non había que moere e cando había que moere non había auga".
O muíño tamén era lugar para bromas. O informante estaba durmindo no muíño do Chucán cando veu o Secundino e díxolle:
- Levántate!
"Abrinlle a porta medio nu.
- E logo, que queres? - díxenlle -.
- Vístete que lle imos tocar o acordeón ó Chucán.
Mentres me vestía, el preparou unha ganzúa, mais con esta non deu aberto a porta (do muíño do Chucán). Entón, quitoulle a auga ó muíño e entrou por baixo. O Chucán estaba durmido coma unha pedra.
- Xa espertarás!
Quitoulle o acordeón e nunha manta que tiña o Chucán por riba fíxolle unha focha e botoulle auga.
Para o outro día o Chucán espertou mollado e sen o acordeón.
- Foi o Secundino do carallo!".



* Publicado orixinalmente na revista do IES A Pinguela (http://www.apinguela.com/) pola alumna de Proendos Leticia Sáez Rodríguez con informacións de Alfonso Campos. Publicámolo aquí con permiso da autora.
- Se queres tripticos coa ruta por estes muíños (en galego, castelán ou inglés) podes solicitalos por correo electrónico en javivivirido@terra.es.