Viaxe a Meira e a Viladonga: crónica


 


O domingo 23 de marzo de 2025 a Asociación Cultural O COLADO DO VENTO visitamos Meira e Viladonga.

En primeiro lugar, realizamos unha magnífica visita guiada á igrexa de Meira - do antigo mosteiro cisterciense -, da man da técnica da Oficina de Turismo de Meira.

O mosteiro foi fundado a mediados do século XII, aínda que se cre que podería xa existir un mosteiro anterior.

En todo caso, o abade Don Vidal é o primeiro cisterciense e é baixo o cal se incorpora o mosteiro de Ferreira de Pantón ao Císter.


 

A igrexa é de planta de cruz latina con tres naves, divididas en 9 tramos, respondendo ao esquema cisterciense. A cabeceira presenta ábside semicircular, tras o cal se construíu no século XVII unha sala das reliquias, á que se accede por un deambulatorio.

 
O mosteiro é a orixe da vila de Meira e a súa estrutura e toponimia reflexan este feito, mais foi saqueado polas tropas francesas en 1809 e a vida monástica rematou en 1835 coa desamortización, disgregándose o patrimonio do mosteiro. Do mosteiro queda a igrexa e dependencias que son hoxe a sede municipal. 


 Gustáronnos moito os retablos, o sepulcro feito por Dona María de Bolaño e a porta principal.



Despois da visita, achegámonos ao Pedregal de Irimia, na Serra de Meira. A auga aflora entre pedras procedentes dunha morrena glaciar.



Tras un magnífico xantar en Casa Cazoleiro, a xornada rematou no Castro de Viladonga.


 


 

Fotos cortesía de persoas socias.

Ruta xeolóxica. As rochas de Sober: que Historia contan?

 

O Colado do Vento organizamos unha nova ruta xeolóxica co xeólogo Eduardo González Clavijo.

Será o domingo, 23 de febreiro de 2025.

Pola mañá, charla teórica na Casa da Cultura de Sober de 12 a 13:30 h.

Pola tarde, saído de Sober ás 15:30 h, visitaremos en coches particulares rochas e paisaxes de Souto Chao (Doade), Anllo e Nogueira (Anllo Santo Estevo).

Non é preciso anotarse. O xantar corre por conta de cada quen.

Asemblea Xeral 2025: 12 de xaneiro

Dende a Xunta Directiva do COLADO DO VENTO enviámosvos a carta de convocatoria da Asemblea Xeral Anual 2025, que se celebrará o domingo, 12 de xaneiro de 2025 ás 12 h na Biblioteca de Sober.

Aproveitamos para desexarvos unhas Boas Festas!

XUNTA DIRECTIVA DO COLADO DO VENTO
 

 


Roteiro circular por Barantes: 4 de maio de 2024.


 

Ruta circular de 9,28 km pola parroquia de Barantes, pasando por camiños da ribeira.

O seu nivel de dificultade é alto.

Realizarase o sábado, 4 de maio, saíndo da Regueira (estrada xeral Sober-Doade), en Barantes, onde se deixan os coches, punto ao que se retornará ao remate da ruta.

Realizarase con pausas e explicacións.

A ruta pasa por diferentes lugares de interese paisaxístico, botánico, histórico e etnográfico.

Recoméndase roupa e calzado axeitados e levar auga e algo para picar a media mañá, así como protección solar.


Saída: 9 horas

Lugar de encontro: Lugar da Regueira (parroquia de Barantes).

Perfil da ruta e información en Wikiloc


Powered by Wikiloc

Actividades do mes de maio de 2024

 Anota datas porque o mes de MAIO vén cargado de actividade co Colado do Vento.

 Sábado, 4 de maio: ruta pola ribeira de Barantes. En breve enviamos información detallada. 

Domingo, 19 de maio: xornada de visitas ao Patrimonio  de Carballedo, incluíndo o Pazo de Cartelos. A esta hai que anotarse; enviaremos información.

Venres, 24 de maio: Cinefórum na Casa da Cultura. 

Domingo, 26 de maio: visita histórica sobre a Escola de Pinol.

#coladodovento #visitas

Percorrido histórico pola parroquia de Santiorxo


Anota na axenda. 

O 16 de marzo, sábado. 

Percorrido histórico pola parroquia de Santiorxo. 

Iremos en coches particulares a coñecer os lugares da Casa da Lama, O Noguedo, A Somoza e a Igrexa de Santiorxo. 

Saída de Sober (praza) ás 9:45h para ir ata Veliños. 

A actividade dura de 10 a 14 h. Posibilidade de xantar na Cantina de Bulso anotándose previamente nos teléfonos habituais. 

#OCOLADODOVENTO

Taller e proxección "Galicia Latente" en Sober

O Colado do Vento organiza un obradoiro do proxecto Galicia Latente

Será o venres, 23 de febreiro, na Casa da Cultura de Sober,  ás 19 horas

 


O Colado do Vento organiza un obradoiro do proxecto Galicia Latente, unha iniciativa de Eduardo de Martís.

Galicia Latente é un proxecto para achegar ás persoas o valor social, económico e sustentable que atesoura a etnografía galega no presente

O proxecto ten como base un estudo-libro homónimo de recollida e divulgación fotográfica da cultura galega (seguramente o único do presente) e as súas múltiples realidades que estamos a vivir en Galicia. Está autoeditado polo fotógrafo Eduardo de Martís e componse de 200 páxinas, 218 fotografías feitas entre os anos 2020 e 2023, ao longo de máis de 140 concellos galegos, incluído o de Sober (https://www.galicialatente.com/).

Ademais, Galicia Latente ofrece un obradoiro chamado “construíndo conciencias”, que é o que se vai celebrar en Sober.

Este taller comeza cunha presentación sobre os retos da cultura galega, continuado cunha proxección do documental Galicia Latente e logo un coloquio titulado “canta riqueza cultural hai en min?”, rematando cunha recollida de valores locais.

Agardamos que haxa debate e convidamos a todas as persoas interesadas a asistir e participar.

Este obradoiro organízao a asociación O Colado do Vento enmarcado nunha das liñas de traballo de 2024, que consiste en coñecer e concienciarse sobre o valor da nosa contorna, das súas debilidades – como a contaminación ou a desorganización territorial -  e das súas potencialidades – como a cultura ou o patrimonio -. Neste caso, comezamos cunha reflexión sobre a cultura.

O proxecto Galicia Latente xa estivo presente en Santiago, no Courel, París ou San Cibrao.

Agardamos a todas as persoas interesadas a asistir a Sober, á Casa da Cultura, o venres 23 de febreiro, ás sete da tarde.

XUNTA DIRECTIVA DO COLADO DO VENTO

Andaina Pombeiro - San Cosmede (12 de marzo 2023)



 

Andaina entre Pombeiro e San Cosmede.

12 de marzo de 2023.

4 km (ida) / 2 horas (indo despacio).

Dificultade media-baixa, con pequenas subidas pero algo duras.

 Pódese voltar a pé ou organizar deixando coches en San Cosmede; decídese o propio día.

Saída: 9 horas diante do Concello de Sober.

Calzado e roupa cómoda.

 Imprescindible anotarse: 687186620 (antes do 10 de marzo).

Pola ribeira do Sil e do Cabe

Saída que organiza a Asociación Segredos de Pantón en colaboración con O Colado do Vento.

Punto e hora de encontro: domingo 4 de decembro no Concello de Sober para ir ata A Chaira; ás 9:15 horas. Por favor, puntualidade.

Poden persoas socias e non socias aportando 2€ por persoa. Visitaremos A Chaira, A Estación, A Barca e a antiga ermida de San Miguel do Canar. Son arredor de 5.5 kms. Ruta fácil de camiñar.

Despois iremos comer un churrasco a O Regato de Canaval. Apúntate ao roteiro e a xantar.
Teléfono 687 186620 (Neus).

.

Muralla e cogumelos: actividades do Colado do Vento en novembro


 

 Domingo, 13 de novembro: PERCORRIDO POLA MURALLA E CIDADE VELLA DE MONFORTE.

Percorrido na contorna da muralla e zonas de ámbito xudeo de Monforte, con visita á Torre da Homenaxe.

Acompañamento de Jorge Vila, autor do libro Murallas, torres y puertas de las fortificaciones monfortinas.

Visita gratuíta.

Non é preciso rexistrarse, só aparecer no lugar de encontro: Campo da Virxe ás 11:30 horas. Rógase puntualidade.

Domingo, 20 de novembro: XORNADA MICOLÓXICA.

Xornada micolóxica dirixida por Carlos Pérez.

Encontro: 10 horas. 

Saída pola mañá e xantar nun restaurante (por concretar). Saída pola tarde e exposición de cogumelos da zona.

Remate sobre as 19 horas.

Gratuíta para persoas socias; 10 € para non asociadas.

Cómpre anotarse, tanto para as visitas como para o xantar, antes do martes, 15 de novembro.

Especificaranse máis detalles en breve.

Coñecendo as MINAS DE FREIXO

Ruta para coñecer as minas de Freixo (Monforte).

Foto: J R Casanova.

Iremos dende as galerías das minas ata Canaval, coñecendo o sistema de desprazamento do mineral de ferro.


Data: domingo, 9 de outubro de 2022.

Hora de xuntanza: 9:30 h - Área de estacionamento do Parque dos Condes (Monforte).

Xantar: 14 h no Regato (Canaval). [De ser máis de dez persoas, prezo de 18 € por comensal].

Hora de remate: antes das 18:30 h en Canaval.

Desprazamento en vehículos particulares.

Desprazamento a pé menos de 3 km.

Recoméndase uso de calzado axeitado e pantalón longo.

[Para inscribirse ao xantar, antes do 5 de outubro no 687186620].

Encontro á Luz da Lúa 2022

 

 

O Colado do Vento organiza unha nova edición dos Encontros á Luz da Lúa.

Coma sempre, música, poesía, contos... Cada quen poderá achegar o que considere. Estarán connosco como convidadas nesta ocasión a poeta Noa Moreira e o dúo musical As Fillas de Cassandra, ademais de contacontos, lectura de poesía e outras sorpresas que sempre nos agasallan as persoas asistentes.

A xornada terá lugar o sábado 23 de xullo en Gundivós. Atopámonos ás 22:30 h diante do cruceiro de Gundivós, a carón da igrexa.

Presentación do libro Los dos caminos, El viaje de Juan Gallego

 
O venres 3 de xuño de 2022 O Colado do Vento organiza a presentación do libro de Francisco Ruíz: Los dos caminos. Será en Sober, ás 19:30 h no salón de actos da Casa da Cultura, coa presentación de Alfonso Campos.
 
O vindeiro 8 de setembro cúmprese o QUINTO CENTENARIO da chegada a Sevilla da Nao Victoria con Juan Sebastián Elcano e os 17 tripulantes superviventes, a que foi a única nave da Armada do Maluco que chegou ao seu porto tres anos despois da súa saída. 
 
Eles levaron a gloria do PRIMEIRO QUE ME CIRCUMNAVEU, pero a expedición en busca das Illas das Especias dirixida por Fernando de Magallanes saíra con cinco barcos e 240 homes. 
 
Esta novela histórica trata precisamente de contar o que pasou cos que non chegaron, e de como algúns deles atoparon un fabuloso país chamado China, que sorprendeu a Europa pola súa riqueza e desenvolvemento.
 
Porque a vida ofrece DOUS CAMIÑOS, un conduce ao éxito e outro ao  fracaso.

Charla e visitas sobre a xeoloxía de Sober: 28 de maio de 2022

 

ACTIVIDADE DO COLADO DO VENTO: XEOLOXÍA DE SOBER


✅ Sábado 28 de maio.


👉🏻 Charla informativa na Cámara Agraria de Sober co xeólogo Eduardo González Clavijo e saída pola tarde para explicar sobre o campo a xeoloxía da zona.

Posibilidade de encargar menú (20 € por persoa) / Parada II.

Pinchos variados: Empanadillas. Croquetas. Navalla. Zamburiñas. Langostinos. Chipirons.                         De segundo: Tenreira guisada ou peixe (pescada ou salmón).

Hai que apuntarse no teléfono de Neus antes do venres 27 de maio (687 186620).

Xornada micolóxica en Bolmente e Cadeiras: 7 DE NOVEMBRO


 

Coma en anos anteriores, Carlos, da Praza de Abastos de Monforte, guiaranos o domingo 24 de outubro para coñecer e identificar os cogomelos da zona de Cadeiras. NOVA DATA: domingo, 7 de novembro.

O lugar de encontró será no Local Social de Bolmente ás 10:00h. para realizar a parte teórica, antes de saír ao monte.

Entre as 12 e as 14:00h. teremos a ruta guiada cerca de Cadeiras.

Ás 14 h. comeremos no restaurante de Cadeiras.

Pola tarde faremos unha exposición cos exemplares atopados, despois de limpalos, e prepararemos unha merenda-cea coa fin de saborear este suculento manxar. 

Prezo do curso: 

15€ (incluído o xantar) para persoas socias. 

27 € (incluído o xantar) para non socios/as.

Para participar nesta xornada é preciso anotarse (vía wasap) antes do luns 18 de outubro no teléfono 687 186620. Respectarase a lista de xente anotada para a xornada anterior.




XII Noite á Luz da Lúa

 


 
 
O venres 2️⃣0️⃣ de agosto de 2021 celebramos a nosa XIIª Edición da Noite á Luz da Lúa 🌕 Será no lugar de Proendos, en localizacións por determinar. 🚶🏼🚶🏻‍♀️Quedaremos no aparcadoiro e iremos andando aos lugares das actuacións, todos cerca do núcleo de Proendos. 2️⃣1️⃣:3️⃣0️⃣ 🕘 Quedamos ás 9 e media da noite no aparcadoiro. 🎵 Traede ganas de música e poesía.

Actividade ao aire libre.
Precaución COVID: uso de máscara nas actuacións, respectar distancia.

Presentación libro Unidade Didáctica Coñece o teu Concello

Unha Unidade Didáctica para coñecer o Concello de Sober

O Colado do Vento presenta este traballo o do
mingo día 20 en Sober

14 de xuño de 2021

Dende a Asociación Cultural O Colado do Vento queremos reiniciar a actividade logo destes longos meses pandémicos coa presentación da Unidade Didáctica “Coñece o teu Concello”.

Este traballo editámolo en 2020, unha Unidade Didáctica sobre o Concello de Sober que sirve para que nenos e nenas coñezan a historia das nosas parroquias. Con fotografías, mapas e comentarios sobre Historia, a toda cor.

Trátase dunha reedición dun exercicio de Maxisterio do ano 1995, elaborado e levado a cabo por Alfonso Campos Pérez no centro educativo Virxe do Carme. Un cuarto de século despois, consideramos que o material ten moito valor como recurso docente, que permite a interacción da comunidade educativa co seu entorno e que incide en valores fundamentais para construír unha sociedade cun futuro xusto, como son o ecoloxismo, a identificación co patrimonio cultural e o respecto pola diversidade.

De feito, este material será usado tamén no campamento de verán do Concello de Sober.

O vindeiro domingo 4 de xullo presentarémolo na praza do Toural de Sober ás 12 h, aproveitando para convocar ás persoas socias a este encontro e falarmos das actividades deste ano 2021. Asemade, presentarase tamén en xullo no marco das actividades do campamento municipal “Coñece o teu Concello”.

Cada persoa socia do Colado do Vento terá un destes libros de xeito gratuíto – é o noso xeito de ofrecer un detalle ás persoas socias, logo de non poder levar adiante actividades en 2020 - e, ademais, poderá conseguir outro máis cunha contribución de 5 €. A contribución que se pedirá para persoas non socias polo libro serán 10 €.

Dende o Colado do Vento agradecemos o apoio de todas as persoas sociais, do Concello de Sober e da ANPA e profesorado do CEIP Virxe do Carme de Sober.

XUNTA DIRECTIVA DO COLADO DO VENTO

A Ribeira Sacra. Ula? Desde cando?

Viña da Cividade

 Artigo de opinión de Xesús Verao Pérez.

Os comentarios que a seguir se propoñen débense á lectura da publicación Mosteiro de Montederramo Colección documental e índices de Ramón Lorenzo. E só no relativo á denominación Ribeira Sacra. Manexamos o pdf ao que se ten acceso na web do Consello da Cultura Galega.

Partimos da idea, (non sei se intencionada ou teimuda) evidentemente errónea de que a Ribeira Sacra ten a súa orixe no mosteiro de Montederramo. E de como esa visión se foi trasladando de forma acrítica a toda a literatura que nos últimos anos se elaborou sobre este territorio que, desde 1991, chamamos Ribeira Sacra.

No índice toponímico da citada obra, proponse o nome “Ribeira Sacra, territorio” como o actual dos recollidos nos documentos 3, 87, 133, 189 e 698, que van desde 1124 a 1309. En realidade é un só documento que reproduciron diferentes monarcas confirmando a doazón feita por Dona Tareixa en 1124. As denominacións son: Rovoyra sacrata, no nº 3 (tres ocasións). Revoyra sacrata ( unha vez) mais rovoyra sacrata ( tres) no nº 87; a variante revoyra está na presentación do documento que a seguir se transcribe literal, de aí as tres formas coincidentes coas do documento nº3. Nos documentos 133 e 189, a forma é revoyra sacrata (só unha vez en cada). Finalmente no nº 698 ademais de revoyra sacrata (introdución) incorpóranse as variantes revoeyra sacrata (unha vez) e rovoeyra sacrata (dúas ocasións). A partir de 1309, en ningún documento, dos dous mil que se transcriben, aparece o nome. 

Esa Rovoyra sacrata, non é ningunha Ribeira e menos un territorio. Trátase dunha “carballeira sagrada”, como xa ben veces se demostrou. Senón, como se pode entender que a palabra Ribeira apareza por centos (non sei se miles) de ocasións nos mesmos textos transcritos! Ribeira é a forma do documento nº 50 ( A Rribeira), por pór o primeiro texto no que lemos a palabra. Pero o concepto de “territorio” é igual de discutíbel, pois dise claramente que se trata dun lugar en Montederramo, territorio de Caldelas (“locum qui dicitur Rov oyra Sacrata, qui est in Monte de Ramo, territorio Caldelas”). E en Montederramo non hai demasiada ribeira, polo menos como os ribeiraos a entendemos. Pero, ademais, nos documentos 87 e 698 refírese á “revoyra sacrata” como “ipsa robor” (“ut donatio ipsa robur”). Un arboredo non é un territorio. Para corroborar o anterior, nos documentos 133 e 189 Revoyra sacrata é un de entre un fato de lugares e terras que se confirman como doados ao mosteiro. 

Trátase dun lugar, non dun territorio. Pero non só no tratamento do índice se actúa dando por suposto que, histórica e filoloxicamente falando, a Ribeira Sacra actual é a continuación da Rovoyra sacrata (lembremos “Reboredo sagrado”) do documento nº 3. Tamén na reseña que abre cada documento se dan por válidas as propostas da tese oficial actual que se plasma nos textos da declaración da Ribeira Sacra como territorio Bic. O texto nº 3 ábrese como “lugar que chaman Ribeira Sagrada”. Isto é, dáse por válido que Ribeira Sagrada é a evolución de Rovoyra sacrata. Está claro que a formación filolóxica do autor de tan exhaustivo e enorme libro non o pode levar a esta equivocación. Pola contra, está a trasladar o que si se instaurou como erro actual na xustificación etimolóxica, lonxe de calquera explicación científica, tanto histórica como lingüística. Na reseña dos textos 87 e 1035 suprímese a referencia ao “lugar” e pásase directamente a falar da Ribeira Sagrada, cando o texto que acompaña continúa a falar do “locum qui dicitur Rovoyra sacrata”.

Pero tamén na primeira das presentacións do libro, por desidia cremos, cáese en falar de memoria, pois non se fala da rovoyra sacrata senón da rivoyra sacrata, tal como o leu Yepes, que seguro andaba buscando unha palabra que se parecese a “ribeira” e que levase o modificador de “sagrada”. Cadráballe para a súa historia da Orde Bieita. Parece lóxico concluírmos que non se estaba a falar dos dominios do mosteiro nin dun nome que se usase para referirse a eles, que se trata dun lugar (non de ningún territorio) que está en Montederramo, Terras de Caldelas (“locum qui dicitur Rouoyra Sacrata, qui est in Monte de Ramo, territorio Caldelas”). Nesa época, nin en posteriores, non podemos falar de Ribeira Sagrada, e menos de Ribeira Sacra, nin falándomos de territorio nin como tal nome. 

A Ribeira Sacra data de 1991. Non inventemos cousas. Non imos ser máis nin menos. Imos ser o que somos - que é moito - e o que queiramos ser: un territorio que arredor do viño e da DO Ribeira Sacra se está a configurar como unha realidade universal e nosa.

Xesús Verao Pérez. A Pereira – Barantes, na Ribeira.

O Sil dende a ribeira de Barantes.

 

Unidade Didáctica "Coñece o teu Concello"

 http://xornaldelemos.gal/wp-content/uploads/2021/02/IMG-20210205-WA0002-768x432.jpg

(en actualización)

En breve informaremos dos puntos de venta do libro, así como das posibilidades de adquirilo vía Correos.

- O libro no Xornal de Lemos