 |
Viña da Cividade
|
Artigo de opinión de Xesús Verao Pérez.
Os
comentarios que a seguir se propoñen débense á lectura da
publicación Mosteiro de Montederramo Colección documental e índices
de Ramón Lorenzo. E só no relativo á denominación Ribeira Sacra.
Manexamos o pdf ao que se ten acceso na web do Consello da Cultura
Galega.
Partimos da idea, (non sei se intencionada ou teimuda)
evidentemente errónea de que a Ribeira Sacra ten a súa orixe no
mosteiro de Montederramo. E de como esa visión se foi trasladando de
forma acrítica a toda a literatura que nos últimos anos se elaborou
sobre este territorio que, desde 1991, chamamos Ribeira Sacra.
No
índice toponímico da citada obra, proponse o nome “Ribeira Sacra,
territorio” como o actual dos recollidos nos documentos 3, 87, 133,
189 e 698, que van desde 1124 a 1309. En realidade é un só
documento que reproduciron diferentes monarcas confirmando a doazón
feita por Dona Tareixa en 1124. As denominacións son: Rovoyra
sacrata, no nº 3 (tres ocasións). Revoyra sacrata ( unha vez) mais
rovoyra sacrata ( tres) no nº 87; a variante revoyra está na
presentación do documento que a seguir se transcribe literal, de aí
as tres formas coincidentes coas do documento nº3. Nos documentos
133 e 189, a forma é revoyra sacrata (só unha vez en cada).
Finalmente no nº 698 ademais de revoyra sacrata (introdución)
incorpóranse as variantes revoeyra sacrata (unha vez) e rovoeyra
sacrata (dúas ocasións). A partir de 1309, en ningún documento,
dos dous mil que se transcriben, aparece o nome.
Esa Rovoyra sacrata,
non é ningunha Ribeira e menos un territorio. Trátase dunha
“carballeira sagrada”, como xa ben veces se demostrou. Senón,
como se pode entender que a palabra Ribeira apareza por centos (non
sei se miles) de ocasións nos mesmos textos transcritos! Ribeira é
a forma do documento nº 50 ( A Rribeira), por pór o primeiro texto
no que lemos a palabra. Pero o concepto de “territorio” é igual
de discutíbel, pois dise claramente que se trata dun lugar en
Montederramo, territorio de Caldelas (“locum qui dicitur Rov oyra
Sacrata, qui est in Monte de Ramo, territorio Caldelas”). E en
Montederramo non hai demasiada ribeira, polo menos como os ribeiraos
a entendemos. Pero, ademais, nos documentos 87 e 698 refírese á
“revoyra sacrata” como “ipsa robor” (“ut donatio ipsa
robur”). Un arboredo non é un territorio. Para corroborar o
anterior, nos documentos 133 e 189 Revoyra sacrata é un de entre un
fato de lugares e terras que se confirman como doados ao mosteiro.
Trátase dun lugar, non dun territorio. Pero non só no tratamento do
índice se actúa dando por suposto que, histórica e filoloxicamente
falando, a Ribeira Sacra actual é a continuación da Rovoyra sacrata
(lembremos “Reboredo sagrado”) do documento nº 3. Tamén na
reseña que abre cada documento se dan por válidas as propostas da
tese oficial actual que se plasma nos textos da declaración da
Ribeira Sacra como territorio Bic. O texto nº 3 ábrese como “lugar
que chaman Ribeira Sagrada”. Isto é, dáse por válido que Ribeira
Sagrada é a evolución de Rovoyra sacrata. Está claro que a
formación filolóxica do autor de tan exhaustivo e enorme libro non
o pode levar a esta equivocación. Pola contra, está a trasladar o
que si se instaurou como erro actual na xustificación etimolóxica,
lonxe de calquera explicación científica, tanto histórica como
lingüística. Na reseña dos textos 87 e 1035 suprímese a referencia
ao “lugar” e pásase directamente a falar da Ribeira Sagrada,
cando o texto que acompaña continúa a falar do “locum qui dicitur
Rovoyra sacrata”.
Pero
tamén na primeira das presentacións do libro, por desidia cremos,
cáese en falar de memoria, pois non se fala da rovoyra sacrata senón
da rivoyra sacrata, tal como o leu Yepes, que seguro andaba buscando
unha palabra que se parecese a “ribeira” e que levase o
modificador de “sagrada”. Cadráballe para a súa historia da Orde
Bieita. Parece lóxico concluírmos que non se estaba a falar dos
dominios do mosteiro nin dun nome que se usase para referirse a eles,
que se trata dun lugar (non de ningún territorio) que está en
Montederramo, Terras de Caldelas (“locum qui dicitur Rouoyra
Sacrata, qui est in Monte de Ramo, territorio Caldelas”). Nesa
época, nin en posteriores, non podemos falar de Ribeira Sagrada, e
menos de Ribeira Sacra, nin falándomos de territorio nin como tal
nome.
A Ribeira Sacra data de 1991. Non inventemos cousas. Non imos
ser máis nin menos. Imos ser o que somos - que é moito - e o que
queiramos ser: un territorio que arredor do viño e da DO Ribeira
Sacra se está a configurar como unha realidade universal e
nosa.
Xesús Verao Pérez. A Pereira – Barantes, na Ribeira.
 |
O Sil dende a ribeira de Barantes.
|