O domingo 23 de marzo de 2025 a Asociación Cultural O COLADO DO VENTO visitamos Meira e Viladonga.
En primeiro lugar, realizamos unha magnífica visita guiada á igrexa de Meira - do antigo mosteiro cisterciense -, da man da técnica da Oficina de Turismo de Meira.
O mosteiro foi fundado a mediados do século XII, aínda que se cre que podería xa existir un mosteiro anterior.
En todo caso, o abade Don Vidal é o primeiro cisterciense e é baixo o cal se incorpora o mosteiro de Ferreira de Pantón ao Císter.A igrexa é de planta de cruz latina con tres naves, divididas en 9 tramos, respondendo ao esquema cisterciense. A cabeceira presenta ábside semicircular, tras o cal se construíu no século XVII unha sala das reliquias, á que se accede por un deambulatorio.
Gustáronnos moito os retablos, o sepulcro feito por Dona María de Bolaño e a porta principal.
Despois da visita, achegámonos ao Pedregal de Irimia, na Serra de Meira. A auga aflora entre pedras procedentes dunha morrena glaciar.
Tras un magnífico xantar en Casa Cazoleiro, a xornada rematou no Castro de Viladonga.
Fotos cortesía de persoas socias.