UN POUQUIÑO DE TRADICIÓN ORAL (II)

O COLADO DO VENTO edita, ca colaboración do Grupo O TRÍCOLE, o segundo volume do libriño Un pouquiño de Tradición Oral no Concello de Sober II, escolma de lendas, contos, cantos e outras formas de Cultura oral recollidas das xentes de Sober.
Xa está lista a edición en papel desta obra, que recibe unha axuda da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia; mais tamén quixemos aproveitar as posibilidades das novas tecnoloxías poñendo esta pequena selección dun enorme traballo de recolleita oral na web da Asociación [acceder á publicación AQUÍ], a disposición de tod@s @s interesad@s.

* Pódese pedir un exemplar en papel en paulaverao@hotmail.com



LIMIAR

Hai anos, no 2002, o Grupo O TRÍCOLE e O COLADO DO VENTO editamos un libriño chamado Un pouquiño de Tradición Oral no Concello de Sober, pequena escolma de lendas, contos, cantos e outras manifestacións da Cultura oral das nosas xentes.

O impulso que motivou aquela publicación e que motiva a recollida da tradición oral está hoxe aínda máis vivo: o vertixinoso cambio nas comunicacións humanas e a progresiva perda de poboación que converteu a Sober no municipio estatal de máis dun millar de habitantes máis envellecido.

Ademais, outro motivo de facer esta segunda edición de Un pouquiño de Tradición Oral…, con máis mostras da nosa Cultura tradicional, é o feito de que aquel pequeño libriño do 2002 é un dos máis consultados na Biblioteca Pública Municipal e un dos máis reclamados polas xentes de Sober.

Xa que logo, ofrecemos este Un pouquiño de Tradición Oral II agardando que as nosas tradicións gocen de boa saúde, isto é, que sigan transmitíndose, estudándose, valorándose… en fin, que dende o noso propio ser sexa dende onde construamos o noso futuro.

O TRÍCOLE. O COLADO DO VENTO