FOTOS VISITA Ó ROMÁNICO




O domingo 26 de outubro a Asociación Cultural O COLADO DO VENTO, de Sober, organizou unha visita ás cinco igrexas románicas, ou que conservan elementos románicos, de Sober: Canaval, Proendos e Bolmente, pola mañá, e Pinol e Lobios pola tarde.
A actividade, á que asistiron cincuenta persoas, tivo como leit motiv a Arte Románica mais, a partir desta, intentamos comprender como foi a vida nos séculos XII e XIII en Galicia.
Así, en Canaval, rexeitamos os tópicos que se lle achacan inxustamente á Idade Media (incultura, fanatismo relixioso, fame…) e contextualizamos a época politicamente, falando do Reino de Galicia, das peregrinacións, das ordes relixiosas, aproveitando que Canaval foi bailía templaria, etc.
En Proendos, aproveitamos o ábside románico da igrexa para explicar a linguaxe constructiva románica.
Xa en Bolmente, centrámonos na vida cotiá: as festas, os traballos, as vodas, a situación da muller…
Despois de xantar na Casa da Parroquia de Bolmente fomos a Pinol, onde falamos sobre a arquitectura e pintura románica, aproveitando os fermosos elementos escultóricos desta igrexa: un canzorro cun monstro, unha estrela de Salomón, un capitel ca representación do Pecado Orixinal…
Contra ás seis da tarde chegamos a Lobios, á interesante igrexa do antigo mosteiro, onde disfrutamos dunha actuación musical de pezas de aire medieval por parte do Grupo “O Trícole”, aínda que a música nos acompañou en cada un dos templos, pois interpretáronse cantigas de amigo e outras de Santa María, de Afonso X O Sabio, rememorando a etapa dourada da literatura galega: a lírica galego-portuguesa con esplendor no s. XIII.
O COLADO DO VENTO quere dar as gracias a todas as persoas participantes na actividade pola súa asistencia, en particular a todos os que se vestiron de época e ás que nos abriton as igrexas, e polas interesantes aportacións que foron xurdindo ó longo do camiño.


* Ós participantes foilles entregado un folleto sobre o Románico de Sober, elaborado para a ocasión, que proximamente "colgaremos" neste Blog.

VISITA Ó ROMÁNICO DE SOBER

Visita ás cinco igrexas de Sober con Románico.
Domingo, 26 de outubro de 2008.
· Mañá - Románico de Canaval, Proendos e Bolmente.
· Tarde - Románico de Pinol e Lobios.
· Xantar e bus - 8 €.
· Saída: 10:45 de Monforte (Casitas da Compañía); 11:00 de Sober (Praza do Concello).
* Necesaria inscripción (antes do venres 24) en: paulaverao@hotmail.com / 637502035.
Unha visita ó ROMÁNICO de SOBER e un achegamento á época.
ORGANIZA - O COLADO DO VENTO
- Esta actividade recibe unha axuda da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo.

VÍAS DE COMUNICACIÓN

Estación de tren de Canaval.

As vías actuais de comunicación co exterior son, por estrada, a N-120, que enlaza Ponferrada e Ourense-Vigo, e as estradas comarcais que enlazan con Monforte, Pantón e Castro Caldelas; por ferrocarril, Sober é atravesado polo norte pola vía férrea entre Monforte e Ourense, contando cunha estación en Canaval e un apeadeiro en Areas, Rosende. 

Tradicionalmente, as vías de comunicación eran os camiños reais e as barcas e pontes: os ríos non separaban, como o fan agora por mor dos encoros, senón que as terras ribeirás eran unha unidade.

As escarpadas pendentes do Sil non foron impedimento para un intenso aproveitamento agrícola grazas aos socalcos que, dende época medieval, permitiron crear solo apto para o cultivo, orixinando unha característica paisaxe moi humanizada: a ribeira era un lugar onde os recursos existentes se aproveitaban ao máximo. 

FOTOS DA LÚA '08

CRÓNICAS DA LÚA '08

No marco do que dimos en chamar IIº Roteiro Músico-Poético á luz da lúa, o pasado sábado, 19 de xullo, visitamos a Pena do Castelo, en Doade, o Souto do Tellada, gran conxunto de castiñeiros centenarios na parroquia de Lobios) e o miradoiro de Cadeiras, Pinol.
En cada paraxe, os asistentes, perto de 40 persoas, recitaron poemas e houbo actuacións musicais de membros do Grupo O Trícole, de membros da Banda de Música de Sober e de Xesús Verao, acompañado de guitarra, así como interpretación de cantigas populares entre todos.
O día estivo centrado, espontaneamente, no centenario de Curros Enríquez, ca lectura de poemas seus e a interpretación das cantigas O Maio, Unha noite na eira do trigo e Nocturnio.
Momentos especiais: o inicio musical con Rosiña na Pena do Castelo, a improvisación de O Maio por parte de Óscar, o Alfonso cantando o Rock da Arrinca do Esterco, o Sandoval reclamando os seus dereitos de autor, o Suso e as súas cantigas portuguesas...
Este ano o ambiente que se creou, máis espontáneo, foi diferente do ano pasado, moi íntimo e ben planificado. Ambos os dous se complementan, e ambos foron inesquecibles.
Agardámosvos o ano que vén!

O COLADO DO VENTO


A Asociación cultural “ O Colado do Vento” naceu oficialmente no 2008 - aínda que xa se facían actividades dende o 2006 - co obxectivo principal de dar a coñecer o inmenso Patrimonio, material e inmaterial, da Comarca de Lemos, comezando polas nosas terras de Sober.
Coñecer, valorar e preservar o noso coma un elemento imprescindible para o futuro desta Terra.


Se desexas participar en
calquera das nosas
actividades, ponte en
contacto connosco en:
659 323 833
coladodovento@gmail.com

Francos de Proendos
nº 34 (SOBER)

II ROTEIRO Á LUZ DA LÚA

Sábado, 19 de xullo - 2008
Visitaremos varios lugares máxicos das terras de Sober que adquiren, se cabe, un maior encanto bañados pola tenue luz da lúa (chea, por suposto) destas noites de verán.
En cada paraxe acompañaranos a Música e os poemas ou relatos cos que queirades agasallarnos cada un dos que nos acompañedes nesta aventura nocturna; o tema, a extensión e a cantidade de lecturas son libres, como libre é a luz de cada plenilunio que acariña a paisaxe ribeirá.
E, para facer todo isto aínda máis misterioso, non che diremos a onde imos, nin o que escoitaremos; só te convidamos a achegarte contra ás dez da noite do sábado 19 de xullo á Praza de Sober e desfrutar do luar.
* Podes ver as fotos do I Roteiro Músico-Poético á luz da lúa aquí.

O ROMÁNICO DE SOBER

* Texto e maquetación: Paula Vázquez Verao.
* Fotos: Alfonso Campos Pérez.
Outubro de 2008.