A caza do Patrimonio por Sober: crónica da xornada


O domingo, 21 de xuño de 2015, a xente da Asociación O Colado do Vento achegámonos a distintos puntos con elementos patrimoniais en Sober coa finalidade de coñecer e divulgar o noso Patrimonio, así como analizar o estado de conservación e comprender o entorno no que se sitúa.

Esta xornada de “cacería” do Patrimonio foi secundada por unha vintena de persoas que nos axudaron a recoller información e forografías de cada sitio, a fin de subir os resultados da pesquisa ao catálogo social do Patrimonio galego (www.patrimoniogalego.net), tarefa que iremos facendo ao longo do mes de xullo.

Na tarde do domingo, variando un pouco o programa previsto, achegámonos aos seguintes elementos:

Foto: Carlos Rueda.
1. Na parroquia de Millán visitamos:

- Pena de Santa Apolonia.

Non catalogada como elemento arqueolóxico, considerámola elemento etnográfico de grande interese. Trátase dun afloramento rochoso con pileta, a cuxa auga se lle atribuían propiedades sanadoras dos males de moas, pois nas penas contiguas a tradición di que se agochou Santa Apolonia da persecución pagá.
Vázquez Seijas sinalara que semella un animal deitado.

- Coviñas do Monte do Cura



 Petróglifos xa catalogados, con coviñas e sucos sobre unha pedra que foi mutilada.
Atópanse nun altiño, o Monte do Cura, cara o NO, fronte ao monte de Santo André.

De ambos elementos hai referencia de Vázquez Seijas no Boletín de la Comisión de Monumentos de Lugo.
No entorno, atopamos a Fonte das Bruxas – hoxe destruída polo campo de fútbol - , Fonterdá, fonte curativa dos males estomacais, ou a Pena de Belán.

2. Na parroquia de Proendos coñecemos:

- Necrópole medieval de Proendos.

Lugar contiguo á zona da casa rectoral onde apareceron sepulturas con laxas de lousa e campás tipo cencerro, xunto con elementos cerámicos. Unha destas laxas está no Museo Provincial de Lugo.
Xacemento xa catalogado.

- Inscultura romana no muro do igrexario, partida e deteriorada.

- Petróglifos do Xestal (I e II).

Foto: Carlos Rueda.
Penas con petróglifos na finca do Xestal, xa catalogadas.
Unha delas cun gran motivo con 8 círculos concéntricos e unha coviña central; a outra con sucos, coviñas e círculos concéntricos continua pola pena que hoxe cobre o muro de peche da finca e a terra do outro lado do muro.
Pese a tratarse dos motivos máis coñecidos e espectaculares de Sober, as penas non son visitables.

Foto: Carlos Rueda.
Ademais, observamos o pombal, situado no antigo xardín dos curas de Proendos; sobre a laxa na que se asenta, atópase un petróglifo.





Camiñando polo núcleo de Proendos fomos debullando os elementos de época romana que se sitúan nas casas do lugar: unha ara encastrada nun muro, un trisquel, columnas, canalizacións... Así como unha pedra con cruces de época indeterminada. Tamén camiñamos sobre o lameiro onde apareceu un hipocausto nunhas obras e que, probablemente, albergue os restos dunha casa de importancia de época romana.
Ademais, observamos a boa factura das casas grandes dos Bertonías e dos Ojeas.

3. Na parroquia de Pinol, visitamos:


Xa en Cadeiras, visitamos o Castro das Medorras, un dos máis grandes de Sober, onde vimos unhas penas con cazoletas xa catalogadas. Ademais, baixando pola ladeira, aínda na zona de terrazas, visitamos unha nova pena co mesmo tipo de cazoletas atopadas nas xa descubertas.
A este novo achádego de Óscar Alonso, de Veliños, engadimos outras dúas penas, que tamén visitamos: unha pedra que formaría parte dunha estrutura e que sostería unha porta e máis unha pena onde hai varias coviñas. De todas estas penas e doutros novos achédegos noutras parroquias informaremos para que se proceda á súa catalogación.

Foto de Álex Pazó.


Foto de Álex Pazó.
Logo de Cadeiras, baixamos ata Sampil para ver unha das penas de petróglifos deste núcleo: un dos petróglifos do Agro.


Despedímonos coa vontade de continuar visitando o noso Patrimonio máis esquecido, en moitos casos sen camiño de acceso ou non visitable, como os fermosos petróglifos do Xestal en Proendos.


Agradecemos a todas as persoas participantes a súa colaboración e aportacións para o traballo da nosa asociación.

Sem comentários: