Recollida solidaria en Sober o 28 de decembro na feira



Dende O Colado do Vento decidimos colaborar este Nadal coa recollida solidaria que organizar a Asociación Náufragos do Paradiso para as persoas sen recursos da comarca de Lemos.

Así, o luns día 28, na feira de Sober, haberá un posto de recollida solidaria de 11 a 14 horas, onde a xente que o desexe pode depositar alimentos non perecedeiros, produtos de hixiene persoal, xoguetes, material escolar ou roupa.

A recollida está organizada en colaboración con Náufragos do Paradiso, que colabora con Cáritas, coa Cruz Vermella e coa Fundación Banco de Alimentos.
Todo o recollido polo Colado do Vento trasladarase a Asociación Náufragos do Paradiso, que o doará ás entidades solidarias para o seu reparto.

Ademais do día 28 de decembro na feira de Sober, de 11 a 14 h, as persoas que o desexen poden facer as súas doazóns en Sober antes do 31 de decembro, contactando no correo coladodovento@gmail.com ou no teléfono 674473695.

Neste Nadal, con este pequeno xesto de solidariedade, pedimos xustiza para que ninguén pase fame nin penurias.

O COLADO DO VENTO
Decembro, 2015

Un bifaz en Lobios e unha lasca en Proendos? Novos achádegos paleolíticos en Sober

Bifaz do Monte de Lobios.
Este ano 2015, atopáronse en Sober dous novos achádegos que, moi probablemente, pertencen ao Paleolítico: un bifaz e unha lasca, útiles de cuarcita.

Ambos obxectos estarían datados no Paleolítico Inferior, pertencendo ao conxunto de industrias achelenses do Pleistoceno Medio, ou Modo 2, (620.000 - 300.000 anos antes do presente), elaboradas polas comunidades de Homo Heidelberguensis.

Bifaz do Monte de Lobios.

O bifaz apareceu en novembro no Monte de Lobios, atopado por Paula Vázquez Verao nun camiño. 

Bifaz do Monte de Lobios.

A lasca foi atopada en Froxán, Proendos, polo Manolo do Cápito de Sante.

Lasca de Froxán.

Lasca de Froxán.
Estas pezas, que temos O Colado do Vento, poñémolas a disposición das persoas investigadoras para que as poidan estudar, pero lamentamos non poder doalas a un museo inexistente que debería haber en Monforte. Dende o ano 2006, o val de Lemos é un lugar privilexiado para o estudo sistemático do Paleolítico galego, mais non se conta cun espazo en Monforte onde poder amosar os múltiples achádegos nin explicar a súa interpretación.


* A nova no xornal La Voz de Galicia, con palabras de Arturo de Lombera: aquí.

* Outros achádegos paleolíticos en Sober: aquí.

Ruta da feira de Parada: reencontro entre "caldelaos e lemeses"

* Track en wikiloc da ruta aquí.


Cedo nunha mañá de néboa mesta, O Colado do Vento dispuxémonos a saír de ruta dende Barantes, parroquia no Concello de Sober, ata Parada de Sil, da banda ourensá, recuperando os vellos camiños do río polos que os "antigos d'antes" cruzaban para ir dende as terras de Sober ata a feira de Parada.

Ata a feira de Parada ían rosqueiros da Somoza a vender o seu produto, cargadiñas as roscas na burra ou ao lombo, ou ían xentes labregas de Sober a mercar as xatas, que logo usaban ou vendían xa medradas nas feiras de Lemos.

O río había que pasalo en barca, pola barca da Somoza ou, logo de asulagadas as terras polo encoro de Santo Estevo - encheuse durante a vendima do ano 1954-, na mesma zona, coa barca do Barril.

O detonante da ruta foi a lembranza das vellas peripecias da vaca Cachorra, un animal nunca amansado, á que o Xosé Verao trouxo dende Parada: que a ver como faría para pasar o río e subir logo polos camiños ribeiraos! E o deseño e acondicionamento da ruta hai que llo agradecer ao Suso Verao, que pasou longas xornadas pensando e limpando o traxecto, botando man tamén da sabedoría do Quintín de Barreiros - que lembrou vellos camiños do río -, de Tomás, biólogo e mestre do IES Río Cabe, ou das fotografías de Nacho.


É polo tanto, esta, a recuperación dunha paisaxe vivida, de medida humana, e non unha postal estática.






O ritmo da ruta marcouno a visualización das diversas especies de flora de ámbito maioritariamente mediterráneo, comezando por grandes acivros en Barantes ata a multitude de sobreiras e aciñeiras do lado lemés e castiñeiros do lado caldelao, ou a omnipresencia dos érvedos, dos que desfrutamos os morotes.


Primeiro, con inicio no Sagrado, ao carán da igrexa de Barantes, fomos achegándonos á ribeira de Barantes, pasando antes pola Riba, para descender dende A Barrionca ata Os Groís e logo ata a zona dos Pousos, onde tiña barca o Barril.
 
Cruzamos o río da man de Álex e Keka, de Turismo en la Ribeira Sacra;


... e comezamos a ascender entre soutos e sequeiros, para alcanzar o regato de Portela, o lugar de Portela e logo Parada.


Sequeiro.
Regato de Portela.


Xa pola tarde, despois de xantar, visitamos Castro, fermoso lugar de impresionantes vistas cara a ribeira de Bolmente, e a Casa Museo do Chocolate, onde contemplamos as máquinas de Chocolates Caldelas, que abastecía de tabletas á zona de Caldelas e a Sober e Monforte.
 


 
En Castro, Iván Álvarez Merayo e Óscar Alonso, ao mesmo tempo, atoparon coviñas na pena que sustenta un dos apoios do miradoiro; e Sandoval outra pena na croa do castro.


Logo da magnífica xornada que pasamos, non poden faltar os agradecementos.

En primeiro lugar, a todas as persoas que nos acompañastes, polo ambiente e por contribuír ao financiamento desta actividade. Vós sodes quen facedes "Colado do Vento". De moitas das 50 persoas que participastes, era a vosa primeira vez: agardámosvos de novo!


Ao Concello de Sober, por colaborar aportando os gastos de autobús. E a Luis, o seu alcalde, por acompañarnos.

Ao Concello de Parada de Sil, por axudarnos a organizar, por colaborar e por abrir para nós o Museo do Chocolate, da antiga fábrica de chocolate de Teimende. E a Yolanda, a súa alcaldesa, por acompañarnos na ruta e en outros días e darnos múltiples facilidades.

A todas as empresas e proxectos cos que contratamos ou dos que precisamos servizos.

E, moi especialmente, a Xesús Verao, por preparar a ruta e recuperar os vellos camiños e relacións entre "caldelaos e lemeses".

Ruta da feira de Parada


O domingo, 29 de novembro, recuperamos cunha andaina o antigo camiño polo que a xente das parroquias de Sober ía á feira de Parada (de Sil).

A ruta foi deseñada por Xesús Verao e debullaremos a flora - fundamentalmente mediterránea - e as antigas relacións socieconómicas entre ambas ribeiras, as vellas barcas e os vellos camiños que unían o mundo ribeirao.

Estamos anotadas 43 48 persoas para baixar a ribeira de Barantes, cruzar o río en barco - por onde antes tiña barca o Barril - e subir a ribeira ata Parada de Sil.

Unha vez alí, logo de xantar, aproveitaremos para visitar a antiga fábrica de chocolate de Teimende.

Agradecemos a colaboración dos Concellos de Sober e Parada de Sil.

* Deixaremos - por mor da luz minguante do outono - para outra ocasión Santa Cristina e a necrópole de San Vitor.

Toda a información para a xente anotada á ruta.


Catro novos achádegos de petróglifos en Sober

Pena do Lagarto.
En Sober, a xente do Colado do Vento temos aínda por publicar unha ducia de penedas con petróglifos que non foran aínda catalogadas. A maioría, como os tres puntos que vos presentamos hoxe, foron atopadas por Óscar Alonso, de Veliños, mentras ía de paseo polo monte na procura dos prezados cogumelos.

No todoterreo para chegar ás pedras.
Trátase, no caso que vos amosamos nesta crónica, de catro penedas do entorno das parroquias de Santiorxo, Pinol e Lobios, todas elas con motivos fundamentalmente de coviñas, atopadas polo Óscar de Veliños neste ano 2015.

- Petróglifos da Pena do Lagarto, Santiorxo



Trátase dunha gran laxa granítica duns 10 metros de lonxitude na que atopamos múltiples coviñas e sucos na cara descuberta da pedra, que dá ao suroeste.
Están no camiño entre Viñariño e Paradela, perto de Pinol de Abaixo, na parroquia de Santiorxo.




Vídeo, onde se pode apreciar a amplitude do panel: aquí.

Mapa da zona (está indicado o topónimo "Lagarto").

 















- Pena con petróglifos na zona de Casardecima, Pinol.


Con máis de 50 motivos, esta pena parece que foi cortada. Está tapada parcialmente por pedras e maleza.



Pódese apreciar no vídeo: aquí.

Mapa da zona dos petróglifos de Casar de Cima e dos do monte de Lobios.


 - Penas con petróglifos no monte de Lobios, por riba da Ola de Lobios.

Trátase de dúas penedas moi próximas, con motivos de coviñas e sucos.

Vistas dende o monte de Lobios.
Vistas dende o Monte de Lobios.