Que pouco vale unha mestra! Un achegamento á figura de María Vázquez Suárez.


"Que pouco vale unha mestra! Un achegamento á figura de María Vázquez Suárez" é o título do artigo que Juan Sobriño Ceballos e Manuel Domínguez Ferro adicaron a esta muller con raiceiras na parroquia soberina de Vilaescura.
Podes lelo no número 18 de Cátedra - Revista eumesa de estudios, que se pode consultar on-line aquí.

Maruja, como lle chamaba a súa familia, natural de Vilaescura, foi mestra en diversas vilas e pobos galegos dende 1914 ata 1936, ano en que foi asasinada polos fascistas pola súa participación activa na política republicana no PSOE. Estaba, tamén, afiliada a UGT e participou na Liga Internacional de Mulleres Ibéricas e Hispano-Americanas, sendo fundadora do subcomité coruñés desa entidade.
Fora animada á "vida pública" polo seu pai, Joaquín Vázquez Fernández, militar retirado ascendido a capitán polos seus servizos na guerra de Cuba, que vira na súa filla unha grande oradora e defensora da liberdade [Fontes: testemuños orais, documentos atopados na casa familiar, proxecto nomesevoces.net].

Dende o asasinato de Maruja, o pai, xa con máis de sesenta anos, caeu nunha depresión que o mantivo afastado da sociedade ata a súa morte, salvo polas esporádicas visitas a outros represaliados da comarca, acudindo todas as tardes a un pequeno agocho que acondicionou en Vilaescura, cerca de Penabión, e que é coñecido como a casiña do capitán.
Por detrás da foto que se reproduce arriba Joaquín Vázquez escribiu as seguintes liñas, quizais pensando en que algún día se recoñecería a inxustiza da morte da súa filla e a de tantos mestres e mestras comprometidas na causa republicana:
"Maruja Vázquez Suárez - maestra de Miño - fusilada por los fascistas de Puentedeume el 21 de Agosto de 1936. ¡Cobardes!"

Sem comentários: