O proxecto do "Atlas do viño".

Estes días, as xentes do Colado do Vento, sobre todo Javier e Paco, andamos atarefadas en facer enquisas sobre a forma tradicional na que se cultivaba o viño en toda a zona que hoxe é a DO Ribeira Sacra. 
Para xuño, teremos o traballo rematado e poderemos divulgar todos os coñecementos que estamos recopilando. Participamos nun proxecto do Ministerio de Cultura para recoller datos de todas as DO españolas, colaborando coa arquitecta Isabel Aguirre de Úrcola, mais queremos amplialo na nosa zona elaborando nós o noso propio "caderno do viño".
Podedes participar no proxecto poñéndovos en contacto connosco, se sabedes de viñateiros a quen entrevistar ou de aparellos usados na viticultura tradicional.
De momento, deixámosvos unhas anécdota, cun pouco de humor, das moitas interesantes que estamos a recoller. 

“Antes mirábase a luna para podar”. A peor lúa era a nova. “Só son dous tempos de luna: a luna só é menguar e despois volver crecer”. “Para podar mirábase máis a chea”.
Un home ribeirao díxolle ao Pepe en Chanteiro cando andaban podando: “Vós, podades na lúa nova: nin viño, nin madeira”.
O Pepe díxolle: “Nós, como non somos ribeiraos, non sabemos”. Preguntoulle ao Constante de Chanteiro que en qué lúa podaba, e este díxolle: “Eu sempre podei polo sol, non pola lúa”. Resulta que tiña unha viña onda o río e probou a vendimar un cacho en cada lúa, e dixo “eu non lle conocín nada”. Ese día que estaban podando, era lúa nova, e as parras de alicante resultou que estaban tan cheas que non daban metido o coitelo. “Aquelo foi un bo milagre”.
“O que lle mira ás lunas que quede en ayunas”.


Contounos o José Varela do Saviñao.  
"Eu podaba na chea, e tamén na creciente, ata que entraba a vella. Pero se podas na nova non se nota; a nova nótase na madeira. No carballo se podas na nova, medra cara abaixo. Na vella medra menos pero para arriba. Pero antes, os que tiñan moita viña, podaban en todas as lunas. Desde que empezaban ata que acababan, e non se notaba unhas das outras. A luna mala é a do mes de agosto, tanto a nova como a vella. As silvas, se cortabas un silveiro na luna vella de agosto, ese silveiro para retoñar, manda mecha! E, se retoña, retoña sen forza. E os toxos igual, se os cortas na luna de agosto non medran. Non sei por que..."

Sem comentários: