memorias do entroido en Sober

* Publicado por Francisco Albo na Voz de Galicia (aquí).


O municipio contou ata o século pasado cun rico folclore de Carnaval

En diversas localidades de Sober consérvase con entusiasmo a tradición dos compadres 
e na maioría das vivendas da zona séguense preparando o prato local máis típico do 
entroido, o doce coñecido como tripón, enchido ou vexiga. Pero estas manifestacións 
son só unha parte da rica tradición carnavalesca do municipio, perdida na súa maior 
nas últimas décadas do século pasado, da que aínda hai moitas pegadas na tradición oral 
e en diversos documentos.

A asociación cultural O Colado do Vento recopilou unha parte destas tradicións, ás que
se lle dedicou unha pequena publicación no ano 2000 [NOTA - A publicación á que se 
fai mención foi editada pola ASOCIACIÓN DE VECIÑOS "PROENCIA", de Proendos]
«Desde entón recollimos máis cousas, pero para facer 
unha recopilación sistemática necesitaríamos máis 
persoal e máis tempo», apunta Alfonso Campos, membro deste colectivo. 
Moitos destes costumes festivos mantíveronse vivos ata os anos 50 e 60 e acabaron 
desaparecendo a causa do despoboamento provocado polas grandes emigracións da época.

Entre as tradicións esquecidas figuran unhas representacións teatrais similares 
ás que aínda se conservan no entroido ribeirao de Chantada e no de Salcedo, na Pobra 
do Brollón, que reciben respectivamente os nomes de oficios e disfraces. Segundo 
explica Campos, «ademais destes pequenos espectáculos, en certas épocas 
houbo unhas representacións teatrais máis complexas e en Proendos incluso había un 
grupo que se encargaba de organizalas, que se facía chamar Compañía Urruti».

Folións e figuras típicas

Máis antiga aínda parece a tradición dos folións de entroido, que consistían en desfilar 
cos bonecos dos compadres e comadres ata un lugar alto -normalmente un castro-, levando 
fachós ou antorchas de palla. A celebración remataba coa queima dos compadres.

No folclore local do entroido figuraban tamén algúns personaxes típicos, representados 
habitualmente polos mesmos veciños. «En Proendos desfilaba o deus Momo e en 
Anllo tiñan uns personaxes chamados maragatos», sinala Campos.

Coplas festivas que se vendían en papel impreso polas feiras

No entroido tradicional de Sober tiñan grande importancia as coplas, para as que era 
habitual compor melodías orixinais, como era de esperar nun municipio cunha longa 
tradición musical. Moitas destas coplas eran reproducidas en papeis impresos, cuxa 
venda axudaba a financiar as representacións teatrais, os bailes e outras celebracións 
propias desta época.

Na parroquia de Proendos, segundo explica Alfonso Campos, os mozos ían á 
feira de Sober para vender estes pregos e arrecadar diñeiro para as festas. «Os que 
vendían as coplas ían sempre vestidos de bonito, con mantillas e outros adornos 
que ao parecer se usaban tamén nas danzas de entroido», engade.

Recollida de textos

A asociación O Colado do Vento recopilou un bon número de exemplares destas 
coplas -editadas en imprentas de Monforte, Vigo e outros lugares-, os máis antigos 
dos cales datan de principios do século XX. Algúns destes vellos cantares de entroido 
foron recollidas no libro Cantos, coplas e romances de cego, dos músicos Xosé Luís 
Rivas (Mini) e Baldomero Iglesias (Mero).

PETRÓGLIFOS DE SOBER (CADRO XERAL)

Petróglifos son todos aqueles debuxos ou gravados en pedra; manifestacións que se atopan por todo o mundo en épocas diversas.
No territorio galaico contamos cun conxunto de insculturas ao aire libre moi numeroso e peculiar, unha das manifestacións culturais máis xenuinas da nosa terra. Datados o groso destes gravados rupestres no III e II milenio a. C., presentan unha serie de características comúns: o soporte xeralmente granítico, a técnica do gravado, case sempre piqueteado, e unha temática dividida en dous bloques, xeométrica e naturalista, singularizando esta última os petroglifos galegos con repecto aos do resto da fachada atlántica europea.

Os motivos xeométricos (círculos, espirais, coviñas, sucos, labirintos…), os máis numerosos, aparecen xeralmente en afloramentos rochosos a rente do chan, o que se interpreta coma unha “linguaxe” de complexo significado simbólico restrinxida a determinados individuos da sociedade.
Entre os gravados de temática naturalista distínguense os zoomorfos (cervos, serpes, cabalos), que son os máis numerosos deste grupo e van, a maior parte deles, asociados aos xeométricos, e os antropomorfos, case sempre varóns realizando actividades de alto prestixio social (caza, equitación, exhibición de armas que se corresponden con modelos dos inicios da metalurxia galaica, no III milenio a. C.), situados en rochas moi destacadas na paisaxe, visíbeis dende lonxe, o que fai pensar nunha manifestación destinada a reafirmar o poder das nacentes elites nun momento de aumento de excedentes agrícolas.

A catalogación feita polo arqueólogo Iván Álvarez Merayo no 2006 elevou ata 18 os puntos de petróglifos inventariados en Sober, aínda que hai constancia de 4 insculturas máis, actualmente perdidas, e acháronse outras penas con unha ou varias coviñas illadas.

A Pena do Cabalo presenta o único motivo naturalista coñecido nos petróglifos de Sober: un cabalo deseñado dun só trazo. O grao de abstracción da figura fai problemático encadrala como pertencente á mesma época e significado que o conxunto de zoomorfos do Grupo Galaico de Arte Rupestre. É reseñábel o Petróglifo da Tapada do Monte, a carón do rego do Baldeiros, realizado sobre unha laxa esquistosa con moitos sucos naturais, soporte moi pouco habitual dos gravados rupestres galegos.
Hai petróglifos de época histórica: a phi da Calzada de Pedride, en Proendos, ou as cruces coas que se “cristianizou” o Petroglifo da Tapada do Monte son un exemplo destes.

As insculturas rupestres foron vistas pola xente do pobo como manifestacións enigmáticas dun mundo mítico, estando asociados xeralmente a lendas, o cal é un intento de explicar unha realidade da que se perderon as claves interpretativas. Mais, que perderamos as claves non lles resta valor a estas manifestacións dos nosos antergos; o misterio e a imaxinación veñen a encher os baleiros da certeza. Probade a achegarvos aos petróglifos unha noite de luar con esa luz leitosa e imprecisa e con todos eses sons da sinfonía da noite. ¡Xa diredes! Posibelmente atopedes un punto de conexión coa intención orixinal dos seus talladores.

1. Tapada do Monte


4. Prados

6. Barcal

7. Agro I

10. Froxán

13. Pombal

17. Pedride

* Véxaos todos na sección PETROGLIFOS.

Pídanos por correo electrónico unha copia do mapa de maior resolución (paulaverao@hotmail.com).