MÚSICA NA COVA DAS CHOIAS

Crónica de Xesús Torres Regueiro
POLOS CAMIÑOS DA TERRA


Convocados polos amigos de O Colado do Vento, asociación cultural de Sober, visitamos na calorosa tarde do 26 de agosto de 2010 a Cova das Choias, da que oíramos falar hai tempo. Lembramos que “A cova das choias” foi o nome que Xosé Díaz, fillo de Isaac, xunto co desaparecido Chichi Campos, lle deron á primeira publicación de banda deseñada galega que saíu publicada nos anos setenta en Xenebra e realizada polo grupo do Castro, da man dos dous citados. Coñecían aqueles mozos en verdade a cova?

Na Pobra do Brollón xuntámonos os que viñan de Sober con Alfonso e Luis, un grupo de xente da Pobra co seu alcalde Xosé Luis e outros que se enteiraron pola prensa, tal o noso caso, para sair en caravana cara a cova.

A Cova das Choias atópase na parroquia de Óutara, a carón da aldea de Biduedo no concello da Pobra do Brollón rubindo cara o Incio. Parece ser que é de orixe natural, aínda que logo foi ampliada e explotada e ampliada polo home para extraer o mineral de ferro. Precisamente, na aldea destaca un conxunto que foi ferreiría e que sofreu ultimamente unha restauración. A toponimia próxima tamén fai alusión ao ferro: Ferreirúa, Ferreiros...

Ao entrarmos na cova chaman a atención as cores dos liques e musgos dun verde cuase fosforescente, quizá produto da oxidación do ferro, e sobre todo a enorme amplitude da bóveda, que acada uns 30 metros de altura. A cova ten unha lonxitude duns 120 metros, segundo lemos nalgún sitio, que nós medir non a medimos nin a andivemos toda.


No nivel intermedio érguense formacións rochosas de formas caprichosas. Aquí foi onde o musicólogo Pablo Carpintero asentou os seus bártulos para dende alí ofrecer unha pequena lección de música con instrumentos populares. Carpintero, amais de doutor en Ciencias, é un estudoso e intérprete da nosa música tradicional. Ven de sacar hai pouco un estudo monumental sobre “Os instrumentos musicais na tradición galega” e tiña interese en saber como soaban algúns dentro dunha cova. Tamén un grupiño da coral de Sober probou a capacidade sonora da bóveda.

O gran narrador Ánxel Fole, quen botou tempadas no Incio na postguerra, inclúe no seu “Terra brava” un relato de crimes e misterio ambientado precisamente na Cova das Choas (como el escribe), onde moraba o Monstro, un ser humano de aparencia monstruosa. Segundo o escritor lugués: “chámase a Cova das Choas porque alí veñen a recollerse as choas, polas anoitecidas, en bandos de centos e centos. E tamén aniñan alí. Según sentín contar, os vellos chamábanlle a `Cova dos Alláparos`. Non sei de que lenda viría iste nome… Os alláparos, que nautres chámanlles `olláparos´, según os libros antigos, eran us homes misteriosos que tiñan un ollo enriba da caluga, ademais de outro na frente… Ditosos iles, que non tiñan que temer tanto dos traidores, coma temos nós…”.

Don Eladio Rodríguez di no seu diccionario enciclopédico que a cova é famosa en toda a provincia de Lugo. Xa Madoz, na primeira metade do século XIX, fala dela dicindo que servía de albergue a milleiros de “cornejas” ou choias que saían a percorrer os arredores regresando ao anoitecer. A choia, chova ou choa (como di Fole) é da familia dos córvidos. Hoxe parece que xa non hai choias, mais si morcegos que foron estudados hai uns anos por biólogos. Existe outra cova co mesmo nome na Urdiñeira, na parte sur dos montes ourensáns do Invernadoiro, mais esta non a coñecemos.    

O lugariño de Biduedo ten o seu encanto e de sempre nos chamou a atención nas varias ocasións en que pasamos pola estrada cara o Incio. Fole, que era un bo descritor das paisaxes, dinos del pola boca do médico protagonista:
“Xa sabes que ten cinco ou seis casas, i hoxe coma fai trinta anos. No cimo dun cotón hai unha igrexa pequeniña e moi vella, e sobor do río unha ponte de vigues, sin baranda. Pasa por eilí un camiño que vai á serra, que ten unha calzada moi antiga.
Río abaixo, non lonxe, atópase a Cova das Choas. É unha abertura na beira do monte, de moito vagantío. Sempre penséi que era a entrada dunha mina de ferro de tempos dos romanos. Non sei si atinaréi...”

Se a Cova das Choias é de orixe natural, seguramente no seu interior xa se escoitou algún tipo de música primitiva con instrumentos rudimentarios tal os que utilizou Pablo Carpintero. E tamén, por suposto, a voz humana, aínda que aquelas cancións fosen ben diferentes das dos coralistas de Sober. Con todo, saímos dalí coa sensación de asistir a algo novidoso. 


4 comentários:

Anónimo disse...

Si ben no pasado puideron soar voces e instrumentos primitivos... Hoxendía non deberían facelo, porque as poucas covas en boas condicións que hai están asediadas pola xente, e son ecosistemas ben delicados.

Paula Verao disse...

Só o fixemos esa vez, comprendemos que non se debe volver facer. Esta cova non é moi visitada, con todo.

QUERQUS disse...

Agradezo a vosa comprensión. Coido que era importante deixar este apuntamento nesta entrada do blog, para que a xente saiba que este acto era algo puntual, e que se debe evitar todo tipo de contaminación nas mesmas.

Apertas

QUERQUS disse...

Nas covas digo.