Ruta: A PROENCIA DAS LENDAS.

O roteiro comeza en Proendos, a 2 km de Sober pola estrada que une a capitalidade municipal con Doade.Proendos é un museo ó aire libre. Aconsellamos, antes de iniciar a andaina, percorrer este fermoso pobo. Atoparémonos nas estruturas das casas con moitos elementos reutilizados do antigo asentamento romano diseminados nun amplo espazo. Atopáronse os paisanos con pedras labradas, algunhas con molduras ou debuxos (trisqueles, rosetas, aras, motivos curvilíneos e xeométricos), con basas, fustes, muíños de man circulares, ademais de tégula, fusaiolas, ladrillo, lousa, anacos cerámicos, escorras metalúrxicas, utensilios metálicos, canalizacións, etc.
Resulta lóxico que os abundantísimos vestixios castrexo-romanos sementaran na imaxinación popular as lendas sobre a fabulosa Proencia.Gozaremos, tamén, da arquitectura nobiliaria da casa dos Ojeas, do s. XVII, dos Vertunías, ou a próxima de Vilastrille, fundada no 1692 por Feijóo Soutomaior.Os primeiros petroglifos a visitar atópanse á nosa dereita na chamada finca do Xestal, nunha casa particular co nº 103.Seguimos a andaina entre os valos do igrexario onde, á nosa esquerda, no muro, hai unha inscultura de orixe castrexo-romana.
Na finca do Pombal está outro petroglifo, ó pé do pombal.Estamos agora diante da igrexa románica (s. XII) de Santa María, na que a rusticidade e sinxeleza do presbiterio, engalanado con pinturas murais do s. XVI, lembra á arte prerrománica.
Xiramos polo camiño da dereita ata o Campo das Olas, volvendo xirar á dereita para seguir ata Froxán. Á esquerda, nos lameiros, están os petroglifos de Os Lagos, con coviñas.
Xa no pobo de Froxán, a 0,9 km, atopamos outra inscultura rupestre asentada na parede dunha casa.
Camiño de Mer, na entrada do pobo, á esquerda, xunto a unha fonte, collemos o camiño tradicional xunto ó cruce do camiño a Gundivós, collendo logo á esquerda pola Calzada de Pedride; á esquerda, a Phi de Pedride.
Ó final do camiño, o punto de orixe: a mítica Proencia.

* Fotos: Alfonso Campos.
* Mapa: Javier Vivirido. Clique sobre a imaxe para agrandala ou solicite o mapa ou tríptico en javivivirido@terra.es
- También disponible en castellano. Solicite el mapa o tríptico en javivivirido@terra.es.
- Also available in english (thanks to Hyllary Parks). Request the map and the text on paulaverao@hotmail.com

Ruta: CAMIÑANDO POLA RIBEIRA DE AMANDI.

* Mapa: Javier Vivirido. Clique sobre el ou solicíteo no correo javivivirido@terra.es para ter unha resolución maior da imaxe.
* Descargue aquí o texto da ruta.

A ruta foi deseñada por Alfonso Campos e Javier Vivirido, da Asociación Cultural O Colado do Vento, ca colaboración da Asociación Veciñal de Doade, especialmente de Antonio R. Álvarez.

COMUNICADO DA XUNTA DIRECTIVA



As afirmacións da concelleira de Turismo de Sober sobre a Asociación O Colado do Vento son infames e ridículas, e descalifícanse por si mesmas (aquí).
A Asociación foi quen, con moito traballo e co esforzo de máis de dous anos, sen ningunha axuda institucional (a única axuda das administracións foi para a edición en papel das rutas) percorreu o territorio, deseñou o trazado das rutas de sendeirismo, desbrozou camiños, consultou ca xente da zona, sacou fotografías e elaborou mapas.
As rutas O COXO DE BULSO, PROENCIA DAS LENDAS, O PAÍS DOS IBIOS e O PRODIXIOSO SALTO DO CABALO DE SANTIAGO son totalmente orixinais.
Ademais, da ruta VIÑEDOS DA RIBEIRA SACRA, que, efectivamente, está homologada, tan ben pensada pola Asociación Irmandade da Ribeira Sacra e polas casas de turismo rural, foi aportar un mapa, textos, engadirlle á ruta o punto de petroglifos de Anllo e darlle como idea central o pintor de Castinande. A ruta CAMIÑANDO POLA RIBEIRA DE AMANDI foi feita ca colaboración da Asociación de Veciños de Doade e, en especial, de Antonio R. Álvarez. Esta ruta, á que engadimos a sinalización no mapa de castros e petroglifos, aproveita, claro, camiños de viticultores que son xa usados tamén en visitas turísticas, mais non entendemos que problema hai con esto. A ruta dos colados foi unha idea xurdida no 2006 de dúas persoas de O Colado do Vento e da Asociación de Veciños de Bolmente, que nunca reclamaron a ninguén, como é lóxico, a propiedade intelectual do deseño da ruta, feita co obxectivo de recuperar os camiños tradicionais do río e os nomes propios da ribeira, para o cal preguntamos á xente maior de Bolmente.
Tamén fixemos un tríptico sobre os PETROGLIFOS DE SOBER, entendendo que un patrimonio tan importante merecía un folleto explicativo actualizado e un mapa.
Efectivamente, a ruta dos muíños DO XABREGA foi creada por un Obradoiro de Emprego do Concello de Sober. O que fixo a Asociación foi facer un mapa e un texto explicando o patrimonio da zona, en galego, castelán e inglés.

A nosa Asociación prestouse a colaborar co Concello de Sober, ofrecéndolle entregarlle á institución local gran cantidade de trípticos, proposta de colaboración moi ben acollida polo alcalde José Gómez, a quen agradecemos o seu interese xa que, queremos lembrar, o Concello non dispón de folletos con mapas detallados para orientarse polo patrimonio de Sober e só oferta tres rutas de sendeirismo (Muíños do Xabrega – Ruta Sur do Camiño de Santiago – Viñedos da Ribeira Sacra) e unha polos miradoiros en coche. Ademais, todos sabemos que son moitas as persoas que se achegan a Sober preguntando polos Petroglifos e non se lles poden ensinar, ben porque non hai mapas correctos, ben porque a oficina de turismo esté pechada, ben porque nas rutas que oferta o Concello de Sober non aparece este patrimonio.
O que engaden as rutas do Colado do Vento son mapas ben confeccionados, cos cales unha persoa pode orientarse sen guía; engaden a traducción a castelán e inglés de varias rutas; engaden a sinalización e explicación dos fitos patrimoniais máis importantes, ignorados polas administracións; engaden rutas en torno a unha idea, a un leit motiv que trata de introducir ao camiñante no entorno, non só físico, senon tamén ideolóxico-cultural. Entendemos que estas ideas deben ser compartidas ca sociedade e así o fixemos desinteresadamente; entendemos que esto beneficia a todos os implicados no sector turístico, como nos instou a facer Mari Carmen Agrelo; entendemos, tamén, que tantos anos de estratexia turística e de xente cobrando das administracións co fin de desenvolver turísticamente este territorio, deberon ter tido un reflexo moito maior.

Así, a Asociación Cultural O Colado do Vento puxo o seu esforzo non remunerado para contribuir ao desenvolvemento turístico do noso pobo. Por iso, agardamos unha rectificación pública da Concelleira de Turismo de Sober, por respecto á xente da Asociación, que adica o seu tempo desinteresadamente a divulgar o patrimonio da zona, e por responsabilidade, xa que é fundamental a colaboración entre todos os axentes implicados no Turismo.

XUNTA DIRECTIVA – O COLADO DO VENTO

RUTAS DE SENDEIRISMO

* Solicítenos os mapas das rutas ou os trípticos nos enderezos electrónicos javivivirido@terra.es ou paulaverao@hotmail.com; os mapas poden enviarse vía internet.

- RUTA DOS COLADOS -
Impresionante ruta de sendeirismo pola ribeira de Bolmente percorrendo os "colados", puntos da ribeira ata onde se podía chegar cos carros. A ruta recupera os nomes propios do territorio, a microtoponimia creada polas xentes que secularmente humanizaron a paisaxe ribeirá, e rememora os distintos traballos que facían desta ribeira unha zona productivísima.
* Máis info (aquí).
- Lonxitude: 9 km.
- Desnivel: 100 m.
- Tempo: 220 minutos.

- O COXO DE BULSO -
Ruta circular, moi sinxela, polas parroquias de Santiorxo, Bulso, Santa Cruz, Lobios e Pinol, coa historia do misterioso personaxe do s. XVIII coma nexo de unión.
* Máis info (aquí).
- Lonxitude: 12,3 km.
- Desnivel: 153 m.
- Tempo: 260 minutos.

-A PROENCIA DAS LENDAS -
Ruta polo pobo de Proendos, un museo ó aire libre, onde podemos atopar multitude de elementos romanos reutilizados na súa arquitectura tradicional ben conservada. A ruta enlaza os oito puntos de petroglifos coñecidos nesta parroquia e aproveita para sinalar elementos romanos, a igrexa románica, casas grandes, hórreos, pombais e outros puntos de interese que se van atopando polo camiño.
* Máis info sobre Proendos (aquí) e sobre a ruta (aquí).
- Lonxitude: 2,9 km.

- MUÍÑOS DA XABREGA -
Ruta que percorre un sendeiro recentemente creado entorno ó regato da Boca, onde se atopan as estructuras, algunhas restauradas por un Obradoiro de Emprego, de numerosos muíños.
É unha ruta de gran valor etnográfico, pola presenza de distintos tipos de muíños, histórico, por atoparse ó final do camiño un castro que controlaba a ponte romana sobre o Sil, e natural, pola gran variedade de especies florísticas de clima transicional atlántico-mediterráneo e a existencia dunha impresionante fervenza que forma o río ó caer no Sil.
- Lonxitude: 1,9 km.
- Desnivel: 160 m.
- Tempo: 45 minutos.

- O PAÍS DOS IBIOS -
Percorrido por Pinol que enlaza os catro puntos de petroglifos coñecidos nesta parroquia. Aprovéitase o camiño para ver o interesante románico de Pinol, os pobos de Cimadevila e Sampil, co encanto do tradicional ben conservado, ou O Castriño, cunha impresionante vista sobre o Sil. E, tamén, para rememorar as antigas lendas, coma a que conta que os ibios, descendentes de Noé, da estirpe de Breogán, chegaron polo Sil e fundaron a Ibia, nas abas de Chanteiro, ubicación dunha desaparecida villa romana.
* A lenda dos ibios (aquí).
- Lonxitude: 3,2 km.

- O PRODIXIOSO SALTO DO CABALO DE SANTIAGO -
Ruta que reproduce o salto que o albo cabalo de Santiago deu dende a Pena do Baldeiros, en Anllo, ata as Cerdeiriñas, por baixo dos Penedos do Castro, en Nogueira de Ramuín, do outro lado do Sil.
Serve esta ruta para recuperar a tradicional unión das dúas marxes do río, rota pola construcción do encoro de Santo Estevo.
Puntos de interese: petroglifos da Tapada do Monte, pobo e capela da Barca, Entrambasaugas (confluencia de Cabe e Sil), mosteiro de Santo Estevo, Pena das Cerdeiriñas, Castro dos Penedos, A Paixón, pobo e igrexa de Pombar.
* Máis info (aquí).
- Lonxitude: 10,2 km.

- SENDEIRO VIÑEDOS DA RIBEIRA SACRA -
Ruta pola ribeira do Cabe que enlaza a Casa Grande de Rosende ca Rectoral de Anllo, ambas as dúas adicadas ó Turismo Rural, rematando no Cotarro do Castro.
- Lonxitude: 11,5 km.
- Desnivel: 300 m.
- Tempo: 4 horas.

- DE SOUTO CHAO A CADEIRAS -
* Máis información aquí.
- Lonxitude: 8 km.
- Desnivel: 170 m.
- Tempo: 3,5 horas.

A Asociación Cultural O COLADO DO VENTO tén o pracer de convidalo/a á presentación de folletos turísticos de RUTAS DE SENDEIRISMO por SOBER.
Trátase de 8 rutas de sendeirismo por Sober, de escasa dificultade, das que se elaboraron trípticos con mapas, que percorren os puntos máis interesantes do Patrimonio soberino a todos os niveis (arqueolóxico-artístico-etnográfico-medioambiental). As rutas soen ter un leit motiv que lles dá unidade.
O material foi elaborado pola Asociación O COLADO DO VENTO, tanto o deseño das rutas (salvo a ruta Viñedos da Ribeira Sacra), coma a fotografía, os textos explicativos, os mapas e a maquetación, e foi financiado pola Consellería de Innovación e Industria no ano 2008. Fundamentalmente son obra de Alfonso Campos e Javier Vivirido, aínda que contamos ca axuda de distintas persoas ás que agradecemos a súa colaboración.
Queremos divulgar este material entre os axentes turísticos da zona e persoas implicadas, tomando estes trípticos como punto de partida dun proxecto que inclúa a sinalización das rutas, a súa divulgación, a integración das xentes de Sober no deseño da estratexia turística para o seu territorio, etc.
* Acceda ó resumo das rutas de sendeirismo aquí.