FOTOS VISITA Ó ROMÁNICO




O domingo 26 de outubro a Asociación Cultural O COLADO DO VENTO, de Sober, organizou unha visita ás cinco igrexas románicas, ou que conservan elementos románicos, de Sober: Canaval, Proendos e Bolmente, pola mañá, e Pinol e Lobios pola tarde.
A actividade, á que asistiron cincuenta persoas, tivo como leit motiv a Arte Románica mais, a partir desta, intentamos comprender como foi a vida nos séculos XII e XIII en Galicia.
Así, en Canaval, rexeitamos os tópicos que se lle achacan inxustamente á Idade Media (incultura, fanatismo relixioso, fame…) e contextualizamos a época politicamente, falando do Reino de Galicia, das peregrinacións, das ordes relixiosas, aproveitando que Canaval foi bailía templaria, etc.
En Proendos, aproveitamos o ábside románico da igrexa para explicar a linguaxe constructiva románica.
Xa en Bolmente, centrámonos na vida cotiá: as festas, os traballos, as vodas, a situación da muller…
Despois de xantar na Casa da Parroquia de Bolmente fomos a Pinol, onde falamos sobre a arquitectura e pintura románica, aproveitando os fermosos elementos escultóricos desta igrexa: un canzorro cun monstro, unha estrela de Salomón, un capitel ca representación do Pecado Orixinal…
Contra ás seis da tarde chegamos a Lobios, á interesante igrexa do antigo mosteiro, onde disfrutamos dunha actuación musical de pezas de aire medieval por parte do Grupo “O Trícole”, aínda que a música nos acompañou en cada un dos templos, pois interpretáronse cantigas de amigo e outras de Santa María, de Afonso X O Sabio, rememorando a etapa dourada da literatura galega: a lírica galego-portuguesa con esplendor no s. XIII.
O COLADO DO VENTO quere dar as gracias a todas as persoas participantes na actividade pola súa asistencia, en particular a todos os que se vestiron de época e ás que nos abriton as igrexas, e polas interesantes aportacións que foron xurdindo ó longo do camiño.


* Ós participantes foilles entregado un folleto sobre o Románico de Sober, elaborado para a ocasión, que proximamente "colgaremos" neste Blog.

VISITA Ó ROMÁNICO DE SOBER

Visita ás cinco igrexas de Sober con Románico.
Domingo, 26 de outubro de 2008.
· Mañá - Románico de Canaval, Proendos e Bolmente.
· Tarde - Románico de Pinol e Lobios.
· Xantar e bus - 8 €.
· Saída: 10:45 de Monforte (Casitas da Compañía); 11:00 de Sober (Praza do Concello).
* Necesaria inscripción (antes do venres 24) en: paulaverao@hotmail.com / 637502035.
Unha visita ó ROMÁNICO de SOBER e un achegamento á época.
ORGANIZA - O COLADO DO VENTO
- Esta actividade recibe unha axuda da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo.