O INCHAÍN

O Inchaín é un regato que, segundo a lenda, incha cando os demais empezan a secar.
Coñécese en Neiras como regato do Inchaín (aínda que a toponimia oficial o denomina Regato da Ferreira). Nace en torno ás minas de Freixo e desemboca no río Fervedón, que vai morrer ó Cabe.
Trátase dun regato encaixado nunha fenda natural, que forma, salvando as distancias, un canón coma o do Sil. O feito de ir encaixonado impídelle depositar apenas nas marxes os materiais que arrastra. Como ten que salvar un desnivel de máis de 200 m é considerable a velocidade das augas e conta con algunha pequena fervenza, que na caída, por efecto do arrastre de materiais, excava o leito do río formando pilancóns [Cavidades circulares no fondo rochoso dunha corrente de auga, excavados polo efecto de pulido e trituración dos cantos que xiran en remuíño.], o que aquí chamamos olas, das que temos un importante exemplo na Devesa.
A vexetación da ribeira do Inchaín é predominantemente arbustiva de tipo mediterráneo (lavándula, uz, fento, xesta, etc.), mentras que en torno ó curso de auga se forma un bosque galería, con bídulos e outras especies. Na marxe esquerda, no curso baixo, hai unha pequena carballeira.

Sem comentários: