O ENCANTO DA PENA DO BOQUEIRO

Perto da Barca de Santo Estevo, cara o lugar do Boqueiro, había unha pedra cun burato que ía dar ó Cabe, que morre alí, a poucos metros, no Sil. Os que pasaban polo lugar á noitiña, din ter visto unha fermosísima rapaza de pelo dourado sentada no penedo, peiteándose cun peite de ouro, mentras se miraba arroubada nun espello do mesmo precioso metal, relocindo, naquela luz imprecisa, igual cós seus cabelos.
Din os do lugar que, cando se intentaban acercar á rapaza, esta se trocaba nunha serpe e desaparecía polo buraco.
Contaba o Casimiro da casa dos Piricos que para desfacer aquel encanto había que ler, a determinada hora, certos pasaxes da Biblia o revés; entón, poderíaste quedar cos tesouros que alí se gardaban; mais se o facías mal, viríase abaixo a montaña, como pasou non hai moitos anos en San Cosmede, cando por culpa dun feitizo o monte se veu enriba da carretera.
Teñen visto os da Barca unha néboa saíndo do buraco da pena; un bafo desfiañado depositándose polos arredores, como protexendo cun veo de misterio o lugar encantado.

- Recollida de:
Ramón e o seu fillo Jesús, oído ó pai do primeiro e ó Casimiro da casa dos Piricos da Barca de Santo Estevo --- Anllo Santo Estevo --- 15-IX-2006.

O PEAR DA PONTE

"O que dices tu que o demo pactou cos curas para facer unha ponte éche donde lle chaman Besteiros; está asulagado, era no fondo do Cachón de Xabrega. Cando o río estaba baixo, no verao, pasábase andando, aínda que había unha corriente enorme; e, elí, no fondo desa corriente do Cachón de Xabrega, era onde eles empezaron a facer a ponte para pasar pra alá; porque esta ribeira era case toda deles".
José "Carneireiro" do Arroxó --- Anllo Santo Estevo --- 21-V-2000.
"(…) Se trata del que proviene del portum Senabreca (hoy Xabrega), citado en el diploma de Ordoño II y situado justo en la última curva a la izquierda que da el río Sil antes de la presa del embalse de San Esteban; donde desamboca el arroyo de Lamateiro por la parte orensana, y el de Camilo por la parte lucense. Este portum está totalmente olvidado por los investigadores y sin embargo, a juzgar por lo que conserva la tradición popular, debió de ser importante.
La parte de la ribera que queda a la derecha del regato Lamateiro en su último tramo, coronada por grandes formaciones rocosas que se yerguen casi en vertical a 300 metros de altura sobre el nivel del embalse, es conocida en la zona con el nombre de Pe de Home, y también como As Pisadas de Nuestro Señor; debido a la existencia en una de las rocas de una pequeña excavación que recuerda la huella de un pie humano.
Se cuentan sobre este lugar innumerables leyendas de mouros y de las luchas de Santiago contra ellos, señalándose aún los supuestos cortes que sobre un peñasco dejó la espada del apóstol; y hay además una “cova dos mouros” totalmente inexplorada.
Por lo que respecta al tema que nos ocupa, cuenta la leyenda que los mouros consideraron la posibilidad de hacer aquí un puente para pasar hacia el valle de Lemos; decidiendo tomar dos gallos, uno blanco y otro negro, y esperar a ver cual cantaba primero: se haría el puente si cantaba el gallo blanco. Por lo visto cantó primero el negro; y hubo que seguir atravesando el río por un paso de barca hasta que la construcción del embalse en 1955 propició la del puente de la Barca de San Esteban (el Portum Novum del que habla el documento). Los de la margen izquierda iban por aquí a la feria de Sober. Por su parte los de Lemos, cruzaban el río cuando se dirigían en peregrinación al Santuario de los Milagros (…)."
Antonio G. Rodicio. “Vía romana de Astorga a Orense…” páx. 133. Boletín Auriense XXV. Lenda recollida en Santiago de Cerreda - Ourense.
"(…) Segundo unha lenda da que xa temos dado conta no noso anterior artigo, en algún momento do pasado tiñan considerado os mouros a posibilidade de construir unha ponte nesta zona, obra que finalmente non se executou. O noso dato é que a lenda reflicte un feito real. En efecto, os veciños de Vilar de Cerreda que coñeceron o lugar antes de que se fixera o encoro, atestiguan que alí están as cepas ou pilares dunha antiga ponte, cuia construcción que (non?) se chegou a rematar. Na parte ourensana, segundo din, consérvase un pilar, que eles denominan desde tempo inmemorial “o pear da ponte”. A mesma información déronnola xentes da marxe direita do río, onde hai outro pilar. A pesar de estar en desacordo coa tradición, é posíbel que estos restos correspondan a unha ponte que non se chegou a reconstruir, antes que a unha ponte que non se chegara a rematar. Despois de ter feito preguntas para averiguar algo nese sentido, non obtivemos nada convincente. Todo eso está agora no fondo do encoro, polo que non é posíbel unha inspección directa, da que quizais se puidera deducir a orixen romana de tal construcción (…)."
Antonio G. Rodicio. "O Porto Senabreca e a posíbel vía romana Chaves-Monforte”. RAIGAME - 2000.

RUTA DOS COLADOS

* Esta ruta realizouse por primeira vez o Domingo, 11 de Xuño de 2006, como actividade das Festas de San Antón da parroquia de Bolmente, organizada pola Asociación de Veciños O Pinal de Bolmente. Na súa páxina web (www.bolmente.com) atópase un mapa da ruta máis completo, publicado en La Voz de Galicia. Pode descargar aquí un tríptico co mapa, texto e máis fotos.
Achegarémonos ós camiños do río, case perdidos, por onde andaban os homes cos seus trafegos, subindo ata os colados por carreiros pinos a desenvolverse coma serpes polas abas; por camiños, onde ata onte, se habemos de pensar no tempo fuxidío, as nosas xentes humanizaron a ribeira para aproveitar os seus recursos: pasto para cabras e ovellas, outono, leña, mel, froitas, pamplina, prantas medicinais, peixes, caza, pedra granítica para a construcción e para as moas dos muiños, etc; sen esquecernos do viño saboroso, criado nestes socalcos abertos ó sol e ó precipicio. Achegarémonos a través dos colados, como fitos do camiño, ás regas, ós regos, ás fontes, ós pousos, ás penas, ás laxas, ás covas, á natureza aloumiñada polo Sil, domeñada polo encoro, agardando nas lamas fondas volver facerse río, para correr de novo nesa fractura do mundo penedío, lección xeolóxica de millóns de anos.
Caldelas sempre á espreixa, irmá da paisaxe ribeirá dende onde parecen oírse, aínda, os aturuxos doutrora.
Achegarémonos á desmesura axeitando formas caprichosas, eidos imposibles, ós que o home soubo darlle medida sen estragalos; ó sacro das igrexas, santuarios, mosteiros, ollados dende estes altiños cuturuleiros.
Achegarémonos ás mámoas, ós castros, que xunto cas formacións xeolóxicas singulares son un pulo para a imaxinación, forxadora de vellas historias da Cova da Moura, a Pena de Don Pedro, O Ciriguilloto do Demo, A Casiña dos Ladróns, e outras non menos extraordinarias vividas polos homes, que fixeron destes camiños, hoxe solitarios, espazos de vida cotiá.
Achegarémonos ós pobos, verdadeira lección etnográfica ó alcance, que debera ser posible seguir habitando, preservando, mellorando, para conxurar ós perigos da desmemoria e o abandono.
E achegarémonos a estes camiños do río chamando ás cousas polos seus nomes; O Pouso do Castelo, O Colado do Vento, O Colado do Boqueiriño, A Cividade, A Rega das Pesqueiras, A Laxa Negra, O Cotarro do Castro, A Loupiñeira, O Forniño, A Nogueira da Laxa, O Carriziño… E pronunciarémolos case coma unha ladaíña, ou mellor, para facelos outra vez nosos, coma un berro liberador ecoando pola ribeira.

* Percorrido: 10 km. aprox.

* Dificultade: Media.

Texto e foto: Alfonso Campos.
Mapa: Paula Vázquez Verao.

ROMARÍA DA VIRXE DE CADEIRAS (PINOL)

A Virxe de Cadeiras naceu nunha pena, 
onde ten unha pileta, o peite e o espello.
Iso é o que nos contaban nais e avoas cando iamos xantar á Romaría de Cadeiras, celebrada entre o 7 e 9 de Setembro no monte de Cadeiras, en torno ó santuario.
O santuario iniciado no século XVIII, e nunca rematado, "non vén a ser máis que a última traslación de ritos que teñen ás pedras como obxetos de culto, non no seu ser físico, senón como símbolo de perdurabilidade, máis aló das efémeras vidas." A pedra na que se di que naceu a virxe, con cazoletas e coviñas desaparecidas ao ser cortadas, non podemos separala deste inconcluso templo con elementos barrocos e retábulos rococós; o maior, ó parecer, traido dunha igrexa de Monforte.
Os pendellos foron en orixe protección para os canteiros que preparaban a pedra, mais remataron sendo, ampliados, refuxio para os romeiros ata o día de hoxe.
Ramón Castro López, o cura de Vilar de Ortelle, fala das danzantes -aínda se poden recoller testemuñas delo- e as amazonas, coma ritos característicos da festa.
Segue a ser a romaría máis concorrida do concello de Sober con procesión, misas e corros de comida popular. O día grande é o 8 de Setembro.

O BURACO DA MOURA

"Contan que foi verdade, que na parroquia de Bolmente, no lugar de Ferrón, vivía un rapaz que tiña un rabaño de cabras, e todos os días as ceibaba ó monte, que lle quedaba moi preto. Alí, todos os días visitaba a unha moura moi guapa.
Pasado un tempo, namoráronse, pero ela vivía no monte e non tiña nada, e el só tiña un rabaño de cabras e non podían casar.
A moura propúxolle que se lle facía caso a ela serían moi ricos. Ó día seguinte cando el ceibara as cabras, coma sempre, ela iría ó seu encontro en forma de cobra e, canto maior fose o ruido que fixera, maior sería a fortuna que levaba, pero coa condición de que se tiña medo e fuxía nunca máis a ía volver ver. Cando ela se presentou por diante del, abríuse un boquete no chan e do buraco saliu a cobra, que traía un ruido espantoso. O rapaz, ó ver a cobra, botou a correr e nunca máis volveu ver á moura e, aínda hoxe, alí, lle chaman O Buraco da Moura."

- Recollida de:
Do traballo escolar para o Instituto Daviña Rei de Monforte de Iñaki Rodríguez e Javier Vázquez recollido á nai do primeiro, Carmen de San Paio (San Martiño de Anllo), que vive na Pousa.

ROTEIRO MÚSICO-POÉTICO Á LUZ DA LÚA

Foi improvisado e ás presas; pero saiu moi ben.
Queríamos probar como funcionaba este roteiro, á luz da lúa (chea, inda que non no plenilunio), con música e recitado de poesía.
Pinchamos algo en Bolmente e visitamos logo os miradoiros, do Boqueiriño e da Cividade (espectacular de noite), cos seus nomes auténticos; despois fomos ós Chancís (Arxemil) e ó Petroglifo do Baldeiros (Anllo).
Acompañounos a música do violonchelo de Álex Llano e ós acordes da guitarra e a voz de Suso Verao.
Interpretáronse pezas populares e música de Bach, Xoan Montes, Pau Casalls, Xosé Afonso, Suso Bahamonde e outros; e os asistentes leron en cada parada a Manuel María, Baudelaire, Lorca... ou composicións propias.
Agora xa sabemos que a ruta funciona; e que lle interesa a moita xente.
Para o ano agardamos repetila anunciándoa con tempo.
Merece a pena.



RODRIGO DE CANAVAL

Era daquelas cando estaba vixente o chamado “dereito de pernada”. O Pobo llano asumíao a regañadentes, como aceptada era a condición de cada quen na sociedade: algo inmutable saído da vontade de Deus. Non era este privilexio unha lei escrita, nen sequera unha norma consuetudinaria recoñecida que permitía ós señores feudais deitarse coa noiva a mesma noite de vodas, mais algúns nobres reclamábana para sí en moitas ocasións.
Rodrigo gobernaba por aquelas o pazo de Camporrairo, unha pétrea construcción cun inmenso xardín á beira do Cabe, do que gustaba desfrutar como o facía aquela fermosa mañá de primavera. Non lonxe, na igrexa parroquial, noutro tempo pertencente á bailía templaria de Canabal, casaban dous mozos do lugar rodeados polos seus. Casar por amor, ás veces, non era doado, pero eles conseguiran, non sen certas trabas, levalo adiante; e as estreiteces da vida campesiña, derradeiro eslabón que todos os demáis exprimían, víase docificada cunha boa compañía coa que aguantar os trafegos da existencia, na que non faltaban, a pesar de todo, a ledicia e a felicidade, malia que algúns só a centraran nun alén prometido do que nadie dera conta.
Xa estaban os noivos na casa, cando chegou un criado de Rodrigo:
-Di o conde que esta noite veñas polo pazo - díxolle á rapaza cun ton autoritario -.
O mundo botouse entón enriba dos noivos. Xa non poderían pasar aquela noite xuntos e levarían consigo, para sempre, a mágoa da inxustiza roendo no corazón. Pero, ¿que facer? Non ir era pecado, así o quería Deus, repetía a rapaza. Mais o noivo non estaba disposto a deixala marchar, aquelo era un abuso e, por moi conde que fora, iso excedía os seus dereitos. Non iría, ¡non e non! Ela insistía que non podía ser, que era pecado non acudir á chamada do conde, que mirara as consecuencias, que si mira que os señores sonche vingativos, dicía a rapaza envolta en bágoas. Pero o afoutado rapaz non cedía. Cando xa era hora de marchar díxolle á noiva:
- ¡Non te preocupes que isto arranxoo eu!
Era ben noite pecha cando a rapaza, cas súa mellores roupas, petou na porta do pazo. Xa estaba o conde agardando na alcoba, iluminada pola luz morteciña e tarabela dunha vela. Mandouna espirse e, así o foi facendo, despaciño, no rincón máis escuro da estancia. Tan tímida e candorosa lle parecía, que acendía aínda máis a súa paixón. Desexoso, achegouse para axudala cando, de súpeto, a rapaza, ata de agora recatada, cun movemento rápido, sacou un látigo de entre as roupas e diulle con el ó conde con tanta forza que o esbarrigou no chan.
-Non era quen ti pensabas -díxolle, poñéndose a cabalo del cas mans apertando as gorxas do conde -. Non des a alarma, senón mátote aquí mesmo. Perdóoche a vida se me prometes non volver a abusar así de ningunha noiva.
Prometeullo Rodrigo e marchou o mozo, disfrazado de muller, pasando diante da mirada burleira dos gardas sen que ninguén se dera conta do engano. Din que tan avergoñado quedou Rodrigo, e tan impresionado pola valentía e o amor do noivo que, contra o que soe suceder, cumpliu a palabra, non volvendo nunca reclamar o “dereito de pernada”. E din que aquelo quedou en secreto; só os fillos daqueles mozos recén casados recolleron a historia e a foron transmitindo de xeración en xeración ós seus descendentes, algúns dos cales, aínda hoxe, viven en Canaval.

- Recollida de:
Carme do Vidal de Camporrairo --- Canaval --- 17-X-2006.

OS CURAS DA CRUZ DA MEDA

Xúntanse na Cruz da Meda catro parroquias: Vilamarín, Marcelle, A Penela e Doade.
En tempos, comían alí catro curas, cada un na súa feligresía.
O cura de San Pedro de Baños estaba amolado porque a capela non tiña terras. Na data convida para a comerotada, xuntáronse alí os catro curas, cada un a cabalo do seu burro, ca comida. Cando xa tiñan todo disposto para comer, chegou alí o cura de San Pedro ca súa cabalería. Saía un arrecendo a cabrito dos cestos que daba groria (era o que máis e mellores cabritos tiña de todo o contorno). Colocouse nun espazo baleiro que quedaba entre dous curas e, para pisar no seu, como non tiña terreo propio, descalzouse e esparceu polo chan terra sacra da capela, que metera nos zapatos, e dispúxose a comer ofrecendo os seus cabritos ós demáis. Os outros curas non se atreveron a pisar aquel recantiño por ser terra santa, e por estar ocupados enchendo esas barrigas lustrosas con aquela carne saborosa. Enterado o conde de Lemos do sucedido, decidiu darlle ó cura ese rabo de terra por onde se mete o Concello de Monforte en terras de Sober, quedando illadas do resto as terras de Vilar de Mouros e a Lampaza, pasando Os Palleiros e San Pedro para Monforte.
Unha distribución territorial única en toda Galicia.

- Recollida de:
Pedro da Lampaza --- Doade --- 30-VI-2006.