OS LUGARES

* Informante: Ildefonso Campos; Francos de Proendos, 1993.

Barantes, bajantes;
A Arriba, estudiantes;
A Somoza, boa moza;
Os Hortos, pican os porcos;
en Vilariño corre a auga,
en Chavián cocen o pan
e os de Vilariño
van mirar se llo dan.

BIBLIOGRAFÍA TRADICIÓN ORAL

- Asociación Cultural O Trícole; Un pouquiño de Tradición Oral no Concello de Sober. O Colado do Vento Ed. 2002.

A CABRA DO CURA

Había unha vez, nun pequeno pobo, un matrimonio pobre que tiña moitos fillos. Como a xente fala, ás veces, por falar, contábase nas tertulias que os fillos eran do cura.
Resulta que o cura tiña unha cabra. Unha cabra gorda, ben mantida.
Certo día, ó pobre home daquel pobre matrimonio ocorréuselle roubala para ter algo consistente que levar á boca.
A familia comeu a cabra: todiña.
O fillo máis pequeno cantaba moi ufano polos camiños:

Matámoslle a cabra ó cura.
Unha crúa, outra asada,
unha media entrepelada,
¡deixámoslla media acabada!


O cura, sentíndolle cantar tal cousa, díxolle:
- Se dis esto na igrexa, dareiche unha propina.
O rapaz marchou para a casa e o pai preguntoulle:
- E logo... ¿De que estiveche a falar co cura?
- Canteille a canción da cabra e pediume que a repetira o domingo na misa.
- Pois, en lugar de dicirlle así, - faloulle o pai - dille destoutra maneira...
O domingo, o cura, cando foi predicar dixo:
- Escuchad a este niño, que dirá toda la verdad.
Entón, cantou o neno:

Todos los hijos que tiene mi madre,
todos son hijos del señor abade.

Nisto, o cura murmurou:
- Orates frates, con rapaces non trates.

- Recollido de: Pilar Pérez de Barantes.

PETROGLIFOS DE SOBER

Por Alfonso Campos Pérez

limiar
Cando eramos pequenos, as nosas nais levábannos a ver o sol, a lúa e as estrelas debuxadas naquelas pedras do Xestal, e mirabamos arroubados o sol grandichón, a lúa máis pequeniña e as aínda máis cativas estrelas, repartidas por toda a pedra, como puntiños escavados na rocha.
E criamos ver un pequeno poñendo alí eses garabatos tan parecidos ós nosos. Si, ós adultos habíanlles de parecer algo inxenuos e sen orde, pero nós ben sabiamos que podían representar o universo enteiro.
Oímos, logo, aquelas historias de sacrificios, do branco cabalo de Santiago deixando as súas pegadas e, no 1977, con Enrique Fernández Llano, empezamos a saber dun tal Vázquez Seijas como un dos primeiros divulgadores das nosas insculturas.
Cando xa fomos repoliños acompañamos a algúns curiosos, escoitamos os seus comentarios e fomos, ó longo dos anos, lendo algúns libros, co vicio xa irremediablemente no corpo. Foi entón cando soubemos que había outras pedras semellantes ás nosas, denominadas polos estudosos Grupo Galaico de Arte Rupestre; formadas por un conxunto moi peculiar datado, de xeito amplo, na Idade do Bronce, entre o III e o II milenio antes de Cristo; observándose nel unha serie de factores comúns como o soporte xeralmente granítico, a situación, a temática, o estilo, a omnipresente liña curva, a erosión dos sucos, etc; podendo distinguir dous bloques diferenciados: un, o das figuras xeométricas (círculos, sucos, coviñas, espirais, etc.) cunha forte carga simbólica; e outro, menos numeroso, de carácter naturalista (cervos, cabalos, figuras humanas, armas, ídolos cilindro, etc.) máis propios das áreas costeiras, que individualizan os gravados galaicos fronte ós de outras estacións rupestres europeas.
E así, puidemos situar os de Sober, fundamentalmente dentro dos xeométricos, agás algunhas excepcións duvidosas de temática máis realista coma a da Pena do Cabalo en Proendos e o Petroglifo da Tapada do Monte en Anllo santo Estevo.
Nos últimos tempos o arqueólogo monfortino Iván Álvarez Merayo ampliou considerablemente o repertorio das insculturas ó ar libre soberinas, podendo falar, hoxe, de dezaoito puntos perfectamente ubicados, ós que, máis tarde ou máis cedo, se haberán de engadir outros xa referenciados e non atopados polo de agora.
Duns e doutros fala este traballiño, completado con algúns lugares interesantes do contorno inmediato.
Pouco máis podemos facer ca unha descripción física, de ubicación, establecer coincidencias e paralelismos, estatíscas, referirnos ás diferentes teorías ata o de agora elaboradas, e, sobre todo, deixar voar a imaxinación e soñarmos coa mirada inxel daquel neno que levaron un día a ver as estrelas o sol e a lúa, cunha xente escribindo nas pedras mensaxes que hoxe intentamos ler coma párvulos empezando a dar os primeiros pasos no silabario.
un pouco de historia
Durante séculos, os petroglifos galegos foron vistos polos nosos devanceiros como manifestacións enigmáticas dun mundo mítico que é, ó fin e ó cabo, un intento de explicación moi humana da realidade, un elemento transformador que, como opina o crítico británico George Steiner, se estamos dispostos, invade o noso ser e transfórmanos de xeito definitivo. Porque o mito ten a súa parceliña a carón da chamada ciencia, da racionalidade, do logos grego, desenvolvendo as nosas capacidades e potencialidades; o mito alimenta a imaxinación e responde a preguntas ás que non sempre a razón é capaz de dar cumprido curso: o verdadeiro senso da vida humán. Polo tanto, a explicación lendaria dos petroglifos é un valor engadido que enche de poesía unha das manifestacións máis singulares da arte galaica.
Será Manuel Murguía, reseña do nacionalismo e pai da historiografía galega, o que faga as primeiras referencias “serias” sobre os nosos gravados rupestres, servíndolle para reafirmar o seu celtismo militante e dar unha orixe común a Galicia, Bretaña, Irlanda e Escocia. O prestixio de Murguía fai que o estudo destes gravados experimente un importante despegue, producindo interesantes e controvertidos debates; e así, as insculturas, poden pasar de ser signos astronómicos de rito druídico a ser para os anticeltistas como García de la Riega, unha escritura neolítica producida polos Kimros. Teorías acertadas ou non pero que confirman o crecente interés por unha materia ata de agora descoñecida.
Será durante a época do Seminario de Estudos Galegos, e sobre todo Ramón Sobrino Buhigas cos seus longos anos de búsqueda e catalogación dos complexos rupestres para a Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, refrexado no Corpus Petroglyforum Gallaeciae o que dará un importantísimo pulo a estes estudos. Tralo parón da Guerra Incivil será o seu fillo Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza quen siga con forza o traballo do pai.
Seguindo a Antonio de la Peña Santos, un dos grandes estudosos desta manifestación artística, despois dun período de estancamento (1980-1985), prodúcese un novo rexurdimento nos anos noventa no que destacan o própio Peña Santos, Vázquez Varela, Costas Goberna, Manuel García Rey, entre outros, así como autores do norte de Portugal. Obrigado é citar a Antonio Álvarez Núñez, arqueólogo do noso ámbito xeográfico, que dende antes deste período tiña feito importantes e referenciados estudos sobre os petroglifos de Campo Lameiro e Fentáns (Cotobade), á márxe doutros moitos traballos arqueolóxicos.
Nese rexurdimento, á parte da laboura feita a mediados dos anos 40 do século XX por Vázquez Seijas (1945-46) que é onde se citan por primeira vez os petroglifos do Concello de Sober e concretamente algúns da parroquia de Proendos, Figueiroá e Millán, foi no ano 2006, por mor dun encargo da área de Patrimonio da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, cando se catalogaron dezaoito puntos de insculturas ó ar libre da man do arqueólogo Iván Álvarez Merayo, fillo do citado Antonio Álvarez Núñez, situando o concello como referencia importante nesta arte prehistórica, sobre todo no referido á Galicia do interior, a gran descoñecida, onde se están producindo, nestes últimos anos, novos achádegos.

PETROGLIFO DA TAPADA DO MONTE

Anllo Santo Estevo
Motivos: círculos, sucos, cruces, cruces inscritas e cadrados, dubidoso motivo semellante a un ídolo-cilindro cunha paleta.
Esta pedra esquistosa dende a que podemos oír as augas do Baldeiros, é un caso singular, polo tipo de soporte pouco habitual, e, ó mesmo tempo, encadrable na tipoloxía xeral das estacións rupestres galegas con gravados xeométricos: discreta na paisaxe, boa exposición ó sol, cercanía da auga, etc. Por aquel ángulo de Sober formado pola confluencia do río Cabe e o Sil, andivemos guiados polos veciños da parroquia de Anllo, sabedores das histórias dos seus maiores. Os círculos concéntricos serían as pisadas do cabalo de Santiago cando a loita contra os mouros históricos, ou, ó mellor, eses míticos habitantes de castros, covas, e pedras debuxadas coma esta. De aí, din algúns, que as cruces esculpidas nesta pedra situada a carón do vello camiño real da Barca de Santo Estevo sexa un intento de cristianización medieval de ritos pagáns ancestrais, o mesmo que fora o cabalo do fillo do trono quen imprimiu estes círculos no seu descumunal salto á pedra das Cerdeiriñas, xa do outro lado do río, perto do mosteiro de Santo Estevo.
Forte é a relación das dúas beiras do río Sil; asentada nun tempo no que o cenobio bieito era unha unidade organizativa, e o río un punto de encontro e non unha barreira.
O que por aquela época de comenzo do desenvolvemento dos útiles metálicos tan traballosamente inscribiu eses símbolos, posuía as claves interpretativas destes deseños, e sería, posiblemente, un individuo de status privilexiado dentro da súa sociedade, pois exercería de intermediario entre o numinoso e a comunidade.
Que perderamos as claves non lle resta valor, ó contrario, sen deixar de pescudar sobre un pobo ó que pouco coñecemos, o misterio e a imaxinación veñen a encher os baleiros da certeza. Probade a achegarvos á pedra de Baldeiros unha noite de luar con esa luz leitosa e imprecisa e con todos eses sons da sinfonía da noite. ¡Xa diredes! Posiblemente atopedes un punto de conexión coa intención orixinal dos seus talladores.
ó redor
A BARCA DE SANTO ESTEVO
Prototípico pobo ribeirao, onde, como o seu nome indica, existiu un paso para cruzar o río.
A confluencia do Cabe no Sil divide a paisaxe en tres (territorialmente Sober, Pantón e Nogueira de Ramuín) sendo posible en poucos minutos de camiñata pasar dunha beira á outra dos ríos cruzando polas pontes alí existentes, e aínda, se queremos, seguir por un sendeiro ata Santo Estevo. O pobo da Barca conserva parte do antigo camiño real e as adegas do mosteiro. Se nos peta podemos baixar pola Zaquiela ó Cabe, río rexoubeiro e falador.
RUTA
Ó lado da Tapada do Monte pasa a ruta que une as casas de turismo rural de Rosende e Anllo e se dirixe cara o embarcadoiro dos Chancís.
AS ROCHEIRAS
Atopar unha boa pedra de afiar non é doado. Cando damos con ela facémoslle un bon pé para irlle dando, co uso, ese xeito curvo tan característico. Auga, pedra e metal frotándose ritmicamente nun doce desgastarse, impelidos por sabias e orgullosas mans: cuarteto percusionista producindo cadenciosos sons con técnicas deslizantes. Así é que, poderemos entender que se a temos, subamos de categoría entre os veciños, un pouquiño amolados por ter que desgastar os seus fíos en burdos e indignos cantazos. Unha boa pedra de afiar e imprecindible para andar polo mundo, un motivo máis para inchar o peito, sen dúbida.
Vén a conto porque andamos nas vertentes abruptas do Cabe, temperador de ferros e aceiros, na parroquia de Anllo Santo Estevo, entre Nogueira, A Barca e o Arroxó, sen esquecernos do desaparecido Carrión; por terras de morotes, azaias esconxuradoras, rocheiras de aguzadoras pedras: A Rocheira da Pena do Conde, A Rocheira do Picón e A Rocheira da Pena Rubia.
Un ángulo máxico de Sober.
O PETROGLIFO DE ANLLO: UNHA RAREZA DENTRO DO GRUPO GALAICO DE ARTE RUPESTRE
Estudados dende fins do século XIX e anterga fonte de inspiración popular, o Grupo Galaico de Arte Rupestre, coñecido comunmente como Petroglifos, son unha das máis fortes sinais de identidade da nosa terra, a manifestación cultural máis significativa de Galicia xunto co megalitismo e o mundo castrexo.
Asentados fundamentalmente sobre rochas graníticas, os máis de mil gravados coñecidos aumentan a súa frecuencia cando nos achegamos ás Rias Baixas, tendo na conca media do Lérez a maior densidade e, concretamente, en Campo Lameiro. Hai moitos menos no interior, aínda que os novos achádegos fan pensar nunha ampliación importante co avance das investigacións.
Así ocorreu en Antas de Ulla e Sober na provincia de Lugo.

Podemos falar, dentro destas insculturas ó ar libre, dunha iconografía abstracta representada polas figuras xeométricas (coviñas, círculos, sucos, espirais, labirintos, etc) e, por outro lado, unhas representacións máis concretas (cabalos, cervos, escenas de caza, armas, etc). Serían esas representacións xeométricas as máis antigas, podendo referirse a un mundo simbólico relixioso onde os iniciados terían as claves para acceder ás portas do outro mundo, visualizado, según as crenzas de moitos pobos, polos chamáns baixo o efecto de drogas alucinóxenas. Sexa o que sexa, estas pedras soen estar en lugares discretos da paisaxe e moi ben orientadas cara o Sol. Os de temática máis realista parecen falarnos do aumento das desigualdades nas sociedades agrarias, símbolos de prestixio e de poder. Constitúe este último grupo a singularidade dos petroglifos galegos fronte a temática compartida con outras zonas do ámbito atlántico europeo (Portugal, a Bretaña francesa, Irlanda, Gran Bretaña, etc), emparellado, para moitos xenetistas, dentro dun mesmo grupo humano. Malia todo, o significado e sentido dos petroglifos continúa a ser un enigma do que non dispoñemos as claves para descifralo.
Dos máis de vinte petroglifos coñecidos en Sober, o de Anllo, situado na Tapada do Monte, a carón do rego de Baldeiros, é moi interesante. Está formado por motivos circulares, sucos, coviñas, cruces independentes e incritas nun cadrado a modo de taboleiro de xogo; tamén parecen verse un ídolo e unha paleta, moi difíles de precisar polas características da pedra: unha laxa esquistosa con moitos sucos naturais, soporte pouco habitual destes gravados da Idade do Bronce, que o fai único dentro dos do Concello e unha rareza dentro destas insculturas en Galicia.
A agresión, hai pouco, por mor dunha obra de traída de auga, que estivo a piques de facelo desaparecer para sempre enterrado como material de recheo, pon de manifesto a preocupante situación do noso patrimonio, moitas veces, ante a indiferencia das nosas institucións.

PETROGLIFO DOS CÓTAROS

Figueiroá
Motivos: círculos concéntricos, sucos, coviñas.
Cando nos achegamos a ela, foi o Gonzalo do Cuñas, o noso guía, falando do divino e do humano, mentres tratabamos de orientarnos ata onde estaba, medio perdida entre a broza mesta. Sabía o Gonzalo engadirlle algo da súa colleita ás vellas historias.

Sinalounos co caxato un lugar húmido onde a moura collera a rocha que lle estorbaba para beber, e a levara dende alí na cabeza. Vimos onde a pousara, despois de darlle carbóns a un pequeno, coa fenda dos canteiros para asentar as cuñas. "¡Cantos pantalóns se romperan esvarando por ela abaixo, cantas parellas se citaban elí!" - decía o Cuñas -.

Porque estas pedras, co paso do tempo, deberon perder o sentido primixenio, pero moitas seguiron a ser fitos singulares, dotadas dun novo senso. O abandono e a ruptura dramática co pasado, coas canles de transmisión moi obstruidas pola premura e a inmediatez dos novos medios de comunicación, deixaron, ó fin, na indiferenza estes lugares. Declive de milenios, de séculos, co cambio de estructuras económicas e sociais e os poderes tildando de superstición, ou sexa, crenza falsa, de ignorantes, os cultos relacionados con estes lugares. Por certo, a mesma palabra empleada por Tácito para calificar ó culto cristián. Porque os puntos de vista adoitan variar dependendo da cercanía ós engranaxes do poder poderoso. ¡A ver! Entre unha danza da chuvia realizada por un bruxo en África e unhas rogativas no cruceiro de Pinol - poñamos por caso - ¿poderemos establecer diferencias cualitativas?
A apariencia dinos que estas crenzas se foron esvaíndo pouco a pouco cara o esquecemento; se analizamos romarías coma a de Cadeiras, ritos relacionados coas augas (Fonte dos Tulleitos en Vilaescura, Fonte de San Xermunde); festividades coma As Candelas, A Natividade; santos coma San Amaro, San Tomé, San Roque, o mesmo Santiago, por citar tan só uns poucos relacionados con este concello, poderiamos ver que a supervivencia, na raíz mesma da palabra superstición, existe e convive entre nós, metida nos ritos máis canónicos da igrexa.
Para o canteiro que intentou fendela, a dos Cótaros, debera ter perdido calquera resto da intencionalidade dos escultores, e estivo a punto de ser dintel, muro ou columna dunha casa. Non sabemos se a salvou a dureza- como di un amigo, con paciencia e saliva…-, ou as protestas dos veciños, documentadas nalgúns casos aquí mesmo en Sober.
ó redor
POBO DE MER
Casa dos Carqueixas, hórreo de 1882 e capela. Fixeron petición para facer esta última - según consta en documento particular - D. Manuel Rodriguez Salgado e D. José Manuel de Castro, ambos os dous presbíteros de avanzada idade, con problemas de saúde un deles, o que lle dificultaba poder asistir á misa á igrexa parroquial de Proendos, por aqueles camiños lamacentos de inverno. Solicitan ó bispado de Lugo construir unha capela en Mer para oficiar nela. Corría o mes de decembro de 1814; no ano 1815 outórgaselle permiso para construir baixo as advocacións de S. Xosé e S. Paio.

PETROGLIFO DE PRADOS

Figueiroá
Motivos: coviñas.
Figuraba catalogado un petroglifo pola zona chamado “Coviñas dos Toxaes”. Despois dun rastrexo polo lugar sinalado con coordenadas U.T.M., abandónase a pescuda para seguila máis ó leste, xunto duns lameiros, a carón do regato Pesavedra. A búsqueda polas penas que máis resaltaban na paisaxe non deu resultado. O arqueólogo, máis experimentado, buscándoa nas máis modestas encontrou estas insculturas, compostas por varias coviñas e unha incisión rectangular posiblemente relacionada co intento de partir a pedra.
ó redor
CAPELA DE SANTA ENGRACIA
"Por baixo dos Cótaros, na parroquia de Figueiroá, hai un lugar chamado Santa Engracia, porque a un manantial que alí hai de augas moi boas íbase lavar a santa.", dinos a Pilar dos Carqueixas de Mer. Escribe Enrique Fernández Llano nas anotacións preparatorias do seu libro Descripción del término municipal de Sober (1977), que a “ Capilla de Santa Engracia estaba en los Cótaros y se dice que su piedra fue empleada en construir las dos capillas laterales y aumentar la nave mayor de la iglesia (Figueiroá), siendo cura párroco Don Ignacio del Río”.
MUIÑO DO CAPADOR
A pista de terra ó lado da que se asenta a pena de Prados vai saír enfrente deste muiño do Pousavedra, un dos moitos do regato. É o chamado muiño do Capador, o noveno dende o nacemento. Quedan outros tantos ata a desembocadura no Cabe á altura de Camporrairo, dos que podemos destacar o do Cura en Liñarán e de Pousada en Refoxo.

COVIÑAS DO MONTE DO CURA

Millán
Motivos: coviñas.
Cando se presentan soas coviñas e sucos son difíciles de catalogar pola simplicidade formal, polo amplo abano do tempo abranguido, pola universalidade da súa representación con significados distintos segundo a cultura de pertenza, ó longo do tempo e do espacio.
As coviñas do Monte do Cura, situadas sobre un mirador natural aberto cara o N/O, cítas Vázquez Seijas no “Boletín de la Comisión de Monumentos de Lugo” con este parco comentario:
“A unos treinta metros de la cumbre del Monte del Cura, existen dos peñascos con algunas coviñas”.
Nesas pedras, que ocupan un lugar visible na paisaxe –se obviamos a mesta broza invadíndoas-, as coviñas non chamarían a atención se non fora porque están nun espazo con moitos fitos arrecendendo a rito ancestral.
ó redor
A FONTE DAS BRUXAS
Xuntábanse nela as bruxas para repartir o mal.
Tamén se fala de tres mouras encantadas que moran alí.
A fonte botaba auga pola fenda dun penedo, agora movido de sitio por mor das obras do campo de fútbol.
Polo camiño que nos leva a ela e logo ó Monte do Cura levaban sen retorno ós “paseados” da Guerra Civil.
PENA DE SANTA APOLONIA
Semella un animal deitado, según Vázquez Seijas, cunha pía á altura do pescozo.
A auga que o ceo deita nas corgas, pecha as feridas e volve a vista ós ollos doentes.
Di a tradición que estas augas curan as dores de moas porque nos penedos do redor se escondeu Santa Apolonia da persecución pagá.
Ata non hai moitos anos viñan por auga á pía para enxuagar a boca. Se non chovía, os devotos enchían a pileta de auga. Os rapaces, sabedores destas costumes, adoitaban mexar alí, dándolle novas propiedades curativas.
FONTERDÁ
Fonte herdada” na toponimia do Real de Leigos de Ensenada.
Outra fonte curativa da que din que as lexións romanas acudían a ela para curar as doenzas estomacais. Consideran os veciños do lugar que abre o apetito e cura ardores e gases.
Preto da fonte andaba o sacaúntos co seu saco na procura dos pequenos mal mandados.
O manantial vendeuse para o pobo de Moradela, na parroquia de Canaval.
PENA DE BELÁN
Volve ser Vázquez Seijas quen no la describe no ano 1946:
“La de Belán, la constituye un gran bloque, de unos 3,60 metros por 1,70, que descansa sobre otros dos más pequeños, elevándose un poco hacia el Norte; al Oeste el bloque presenta señales de ruptura, y coincidiendo con ella, restos de una pileta, de veinte centímetros de fondo, a la que se acusa, un tanto dudosa, otra pileta, de dieciocho centímetros en su eje mayor. Por el lado Sur Este, tiene un dibujo inciso prolongado a su borde, que sugiere la impresión de un concertado de piedras yuxtapuestas con cierta regularidad”.
OUTROS
A Capela de Santo André, As Penas melangreiras, A Carreiriña dos Mouros, A Eira dos Mouros.

PETROGLIFO DO MONTE DA RAÑA

Pinol
Motivos: coviñas e sucos.
Na véspera do día oito de Cadeiras saía a virxe en procesión dende a igrexa de Pinol ata o santuario. Por ese mesmo camiño, despois de Cima de Vila e O Rigueiro, tamén se podía ir Ó Monte da Raña e seguir pola Carreira das Táboas a Sampil.
No Monte da Raña, mesmo por onde seguen a pasar as vacas, nunha laxa que levanta pouco do chan, están as insculturas. Non había referencias bibliográficas nin de tradición oral, polo que foi unha nova aportación ó conxunto dos petroglifos de Sober.
ó redor
CADEIRAS
Miramos a Cadeiras, no seu conxunto, coma unha sinfonía de pedra, onde o santuario iniciado aló polo século XVIII, e nunca rematado, non vén a ser máis que a última traslación de ritos que teñen ás pedras como obxetos de culto, non no seu ser físico, senón como símbolo de perdurabilidade, máis aló das efémeras vidas.
As pedras como elemento máxico, según nos di Santiago Lorenzo Sacco, ceremonial e trascendente, ademáis de ser utilizadas para a construcción, foron veneradas como manifestacións da naturaleza na que poder captar a súa enerxía vitalizante. Así, as pedras curativas, fecundadoras, avaladoras, de raio, fálicas, furadas, etc.
Por iso a pedra na que se di que naceu a virxe, con cazoletas e coviñas desaparecidas ao ser cortadas, non podemos separala deste inconcluso templo con elementos barrocos e retábulos rococós; o maior, ó parecer, traido dunha igrexa de Monforte.
Os pendellos que naceron como protección para os canteiros nas súas labouras de preparación da pedra, terminaron sendo, ampliados, refuxio para os romeiros.
Deixamos para outro momento todos os contos, lendas e sucedidos relacionados co lugar; tan só decir que Ramón Castro López, o cura de Vilar de Ortelle, fala das danzantes -aínda se poden recoller testimonios delo- e as amazonas, coma ritos característicos da festa.
Segue a ser a romaría máis concorrida do concello de Sober coa característica procesión e corros de comida popular.
CASTRO DAS MEDORRAS
Aínda que os seus muros de pedra foron levados como material de recheo para a estrada Sober-Doade, quedan nel vestixios abondosos do seu pasado.
Como se nos descobre na súa recente catalogación, este asentamento fortificado sobre o Sil tén o acceso dende o SE, estando protexido por un sistema de dous foxos, con contrafoxo intermedio tras do que se levanta a muralla.
O resto das defensas limítanse ás pinas caídas naturais do terreo.
No interior do xacemento atópase unha laxa cha de granito con trece cazoletas que superan os trinta cm as máis delas, e unha segunda laxa moi próxima onde hai outra.
A tradición di que nelas se lavaban os mouros.
Tamén nos fala dun pozo con escaleiras que afirman ter visto moitos informantes.
OUTROS
A igrexa románica de Pinol, O santuario de Outeiro, Cimadevila, O Monte do Viso, Casar de Cima.

PETROGLIFO DO BARCAL

Pinol
Motivos: coviñas e sucos.
Debémoslle a unha rapaza espilida de Sampil o seu achádego cando pastoreaba as ovellas da súa casa. Outra vez volve repetirse a historia, pois durante moitos séculos créuse que as insculturas eran cousas de pastores ociosos. Neste caso, a Saleta, estaba máis interesada nos libros que en facer fochacas. ¡Que sorte termos rapazas tan sensibles!
Dísenos na ficha de catalogación: “Afloramento granítico, lixeiramente destacado do terreo, cunha orientación E-O e caída cara o S.
No seu extremo E ten gravadas 37 coviñas de cinco cm, de diámetro de media, algunhas das cales, as inmediatas entre sí, estan unidas mediante sucos. A parte N da pedra está cuberta polo lameiro, polo que aínda podería presentar máis gravados”.

PETROGLIFO DO AGRO I

Pinol
Motivos: coviñas e sucos.
“Afloramento granítico lixeiramente destacado sobre o terreo, que cunha orientación visíbel N-S e sen apenas caída, ten gravadas unhas vinte coviñas, de entre cinco e tres cm de diámetro, espalladas por toda a pedra. A súa superficie está cuberta por abundante cascallo de extraccións, e parte da pedra está cuberta polo lameiro, polo que podería haber novos gravados”.

PETROGLIFO DO AGRO II

Pinol
Motivos: coviñas.
Xa moi perto do Castriño está este pequeno afloramento granítico con tres coviñas, que tamén presenta ruptura pola cara N.
Doado é que haxa máis pedras pola zona con este tipo de insculturas.
ó redor
SAMPIL
Ben merece Sampil un repousado recorrido polas súas carreiras, dende as que poderemos ver elementos tradicionais aínda en bo estado de conservación: lumieiras, encalados, apeiros de traballo, corredores, balcóns , adegas, etc; enmarcados nunha natureza sempre impresionante nestas paraxes.
Polo antigo Camiño das Táboas podemos subir ata Cadeiras ou, se collemos cara o sur, baixar ata as viñas da Pena do Macho e aínda ir á Rega do Lobo, case perdida para o camiñante.
O CASTRIÑO
Á entrada de Sampil, collendo pola Xabiela, ademáis de ir ver os petroglifos do Barcal, Agro I e II, poderemos continuar camiño ata O castriño, curuto fortificado con restos de fosos e muros.
Ó fondo, unha amplísima vista onde o Sil vertebra a paisaxe ribeirá: San Cosmede, unha porción de viñedo con edificación pertencente ás monxas do mosteiro de Lobios, inserto na parroquia de Pinol e limitado polo Sil, o regato de Morlelos, de Alvite e o citado Castriño; cara Portabrosmos, A Barca de Abaixo, asulagada polo río, un dos pasos deste tramo fluvial e principio do camiño real que sobe polo Carreiro do Atallo, as viñas da Merla e a Fonte da Catuxiña; A Pena do Tesouro, cerca do actual embarcadoiro, na que o Meixide encontrou os cartos para facer a casa mellor de Portabrosmos; A Ibia, o pobo fundador, descendente de Noé, e por ende emparentados co mítico Breogán, onde se poden ver as súas casas mimetizadas cos bancais das viñas; o lugar dende o que escorreu a cadea de ouro dende O Castriño ó Cachón de Ravacallos, estando no ser mesmo dos tesouros escapar da man dos incautos como ben nos conta Cunqueiro; a ubicación da villae romana do Souto de Chanteiro, da cal os restos agroman a flor da terra, podendo ser tamén romanos algúns sillares das edificacións do cumio.
É, logo, O Castriño, unha atalaia impresionante sobre o Río Sil dende a que poderemos deixarnos engaiolar por unha paisaxe suxerente, con recovecos, con chaves doutros mundos, coas luces, sombras e cores sempre mutando no tempo e no espacio.

PETROGLIFO DA LAXA DO CAMPO DA CHA

Pinol -Bulso
Motivos: coviñas, sucos.
Contábanos o Germán do Pepito de Pinol de Abaixo: “Hai unha laxa no Campo da Cha que decían que se abría e salía unha campana. Aínda hai elí unha porraquiña, e decían que se abría co rezo, e que tocaba unha campana polo día de San Juan. Quen a abría era o cura vello que obrou en Cadeiras, que se decía que medía as monedas a ferrados. Cando pasa un carro por riba estremece por baixo”.
Esta pedra situada mesmo no camiño a Pipín que enlazaba o camiño real que partía da Barca de Portabrosmos, fai de límite entre Pinol e Bulso. "Ten representadas un total de seis coviñas distribuidas pola superficie da pedra. No cumio hai dúas coviñas gravadas (…) inscritas dentro dun pequeño rebaixe poligonal. Ó SE da pedra aprécianse outras catro coviñas (…) O camiño da A Cha pasa, en parte, por riba da pedra, polo que esta ten sido adaptada para este fin, ademáis está pulida polo paso dos carros".
ó redor
Camiños hai para poder estirar as pernas por este lugar de tesouros, mourería e fontes enfeitizadas. Recomendamos, despois de ver a pedra, baixar ata Pipín e seguir ata Vilameá. Alí debemos ter coidado de non beber na fonte, pois tres irmás do lugar que beberon dela apareceron preñadas.

PETROGLIFO DE FROXÁN

Proendos
Motivos: círculos concéntricos, coviña central.
Na parede dunha casa de Froxán atópanse estas insculturas formadas por varios motivos con círculos concéntricos. O máis grande ben definido e dous máis pequenos moi erosionados.
O desgaste do tempo é o que lle confire ós petroglifos a configuración en U aberta.
Nada se sabe da ubicación orixinal da pedra, probablemente nun lugar próximo.

PETROGLIFO DOS LAGOS I

Proendos
Motivo: coviñas e sucos.
Esta sería unha das pedras das que nos fala Vázquez Seijas despois da súa visita a Proendos guiado polo párroco desta feligresía, Don Ángel.
Esta manifestación artística é concebida polos estudos da arqueoloxía da paisaxe como “una forma de apropiación simbólica del espacio por comunidades humanas de economía itinerante en zonas muy concretas donde se produciría cierta competitividad por el acceso a determinados recursos”.
Tamén os gravados, sobre todo os motivos de cazoletas coa simboloxía relacionada coa morte, para algúns tiñan a función de delimitar espacios concretos de explotación e áreas de tránsito “en virtud de su mayor concentración allí donde los indicios de actividad doméstica o funeraria son mayores”.
Situados xeralmente na transición do III ó II milenio, período que coincidiría co desenvolvemento inicial da metalúrxia e coa aparición dun rexistro arqueolóxico con indicios de crecente asimetría social. Como dispoñemos de poucas evidencias dos hábitat deste período, temos que “ intuir la existencia de una capacidad creciente de los grupos humanos de transformar lo natural en social, de convertir el espacio en territorio, aquel sobre el que una sociedad determinada reivindica y garantiza a todos o a parte de sus miembros derechos estables de acceso, de control y de uso y que recaen tanto sobre la realidad visible y material como sobre las invisibles y simbólicas”.
Dísenos na catalogación: “Pena partida por accións naturais, na que constatamos a presencia dun total de once coviñas en liña agrupadas en dous conxuntos. O primeiro, na parte superior, constituido por catro coviñas, e o segundo, na inferior, está formado por sete coviñas de entre cinco e tres cm de diámetro e unha fondura media de un cm”.

PETROGLIFO DA PENA DO XESTAL I

Proendos
Motivos: círculos, coviñas, sucos.

Sen dúbida, xunto co Xestal II a poucos metros deste, o máis coñecido de todos.

Ó seu carón temos escoitado todo tipo de teorías fundamentadas e fantasiosas.
A parte das coviñas, son os círculos o motivo máis numeroso e característico dos gravados rupestres e de distribución máis ampla dentro do grupo galaico.
Ten esta pedra, dividida en tres partes diferenciadas, ó menos seis motivos circulares, ademáis de coviñas e sucos.
Aquí están para os paisanos as pisadas feitas polo Cabalo de Santiago, ó saltar dende aquí a outra pedra do lugar das Tercias, hoxe perdida. Os círculos concéntricos, din uns, son símbolos universais con gran variedade de significados según o contexto. Sería precisamente no NO ibérico onde se darían as datacións máis antigas, polo que algúns pensan que se irradiaron dende aquí para o resto da franxa atlántica europea. Sitúanos na Idade do Bronce por analoxía con outros de Europa, pero carécese de evidencias suficientes para garantir unha cronoloxía realmente estable. Para algúns, serían representacións solares, do universo, da mutabilidade e rexeneración ó modo das fases da lúa; serían como portas que abren o mundo do alén.
Opinións se teñen verquido para todos os gustos; algúns, estes que lle dan ó maxín unha barbaridade, interpretan os gravados como unha forma de escritura de valor fonético de tipo indoeuropeo arcaico, e atribúen os motivos que chaman “anillos concéntricos máis copa e canle” ó esquema constructivo da Atlántida descrito por Platón. Para outros, amantes da ufoloxía ou, ó mellor, da bufoloxía, todos os petroglifos mundiais procederían dos superviventes de certas civilizacións desaparecidas como a Atlántida e, incluso, de contactos interplanetarios, mensaxes extraterrestres ós que tan só os druidas terían acceso.
Por último, engadiremos que baixo efecto de sustancias alucinóxenas, o chamán de cada comunidade –utilizando o termo en sentido amplo- tería unha visión parecida a estes motivos abstractos. Son os chamados fosfenos, producidos ademáis de por sustancias psicotrópicas, por unha simple presión nos ollos, fatiga, shokcs, doenzas, etc.

PETROGLIFOS DO XESTAL II

Proendos
Motivos: círculos, coviñas, sucos.
“Sobre unha laxe de granito de tendencia horizontal, gravouse un motivo cun total de oito círculos concéntricos, cun diámetro total de 43 cm. Do seu centro, ocupado por unha cazoleta saen dous sucos, un deles, discontinuo, pasa á finca veciña por baixo do muro de cerre. Xunto a este motivo circular, completan a composición arredor dunha ducia de coviñas”.
É o motivo máis grande dos ata de agora coñecidos de Sober.
Fálannos os veciños de que sobre a pedra se levaban a cabo rituais sanguentos nos que corría a sangue polos sucos como ofrecemento ós deuses. Falaron, vendo esta pedra, dun autor portugués que tiña a teoría de que a disposición destas insculturas podía ter o significado de útero, de maternidade: os aneis serían os meses, e as liñas serían o nacemento que se pode dirixir a outros círculos relacionados. Referíronse, tamén, a que están en moitas ocasións cerca da auga; de feito fálase dos círculos concéntricos como a representación deste elemento, pola aparición, en algunhas estacións, de animais que parecen estar abrevando.
O comentario curioso fíxoo unha amiga que traballa na sanidade en Ourense. Despois de escoitar os comentarios duns e doutros sobre a pedra, dixo que o motivo lle recordaba as técnicas de relaxación estática que en Sofroloxía Obstetricia, seguindo a Aguirre Cárcer, xinecólogo pioneiro en educación maternal, utilizan nas clínicas e hospitais. O exercicio consiste en cerrar os ollos, fixar a atención nunha gota caíndo na auga a un metro do pacente, e imaxinar como se van formando os círculos concéntricos.

PETROGLIFO DOS LAGOS II

Proendos
Motivos: coviñas.
Andan as vacas por estas terras, o que permite o acceso doado a estas estacións.
Temos neste pequeno afloramento granítico tres coviñas en líña e outra coviña a dezasete cm de distancia. Divide a pedra o muro da finca.

PENA DO CABALO

Proendos
Motivos: coviñas, sucos, un posible cabalo dun só trazo.
Ó lado mesmo da chamada Calzada de Pedride, atópase esta pena, que ten como motivo destacable un posible cabalo moi idealizado.
De representar un cabalo, estaríamos ante un motivo máis propio das estacións da costa, onde cervos, xinetes, cacerías, armas, etc. colócannos nunha sociedade estruturada de xeito desigual. De todos os xeitos, este de Proendos, resulta demasiado abstracto para encadralo como aqueles a fins da Idade do Bronce. Son estes, de temática naturalista, os que lle dan personalidade ó grupo de insculturas ó ar libre galaicas fronte, como xa dixemos, ós moito máis extendidos e complexos de temática xeométrica, de forte carga simbólica e dificilísima interpretación.

PETROGLIFO DO POMBAL

Proendos
Motivos: círculos concéntricos, coviñas.
Foi da man de Lois Diéguez, cando estaba preparando o seu fermoso libro Viaxe ás Terras Encantadas de Lemos (A Nosa Terra, 1999), cando vimos os debuxos por primeira vez. Tiñámonos achegado a ela en varias ocasións pero, cuberta por unha capiña de terra, non fomos capaces de ver nada. Lois chegou, rascou co pé, e apareceron os círculos concéntricos como por arte de maxia. Sobre a pedra, situada no medio dunha finca pertencente en tempos ó igresario, edificouse o pombal.
Del partían catro brazos empedrados que remataban nun paseo por todo ó redor do muro da finca. Era o xardín dos curas de Proendos. Na cara exterior destas tapias, pola parte do camiño da igrexa, pódese ver un interesante motivo xeométrico castrexo-romano. De camiño ó pombal poderemos observar a terra chea de restos do asentamento romano. Estamos na Proencia das lendas.
ó redor
PROENDOS
Ademáis de ver os petroglifos, podémoslle facer unha visita a Proendos, un museo ó ar libre. Atoparémonos con moitos elementos reutilizados do asentamento romano, diseminados nun amplo espazo, apreciables en gran medida con só unha voltiña polo pobo.
Temos, tamén, o presbisterio románico da igrexa, coas pinturas murais do S. XVI, sen esquecernos dos retábulos barrocos. Achegarémonos ás casas grandes e á riqueza etnográfica bastante ben conservada das adegas, fornos, hórreos, patios, corredores, encalados, etc.

PETROGLIFO DE PEDRIDE

Proendos
Motivos: coviñas, motivo a modo de “phi” grega.
Ten unha figura caracterizada por unha línea vertical e en cuia parte superior tén un semicírculo sobre a mesma, dándolle un apecto de “phi” grega. Ten, ademáis, dúas coviñas pegadas ó extremo inferior da liña vertical. Este tipo de motivo aparece representado nos sillares de igrexas e catedrais do Noroeste da península ibérica como na catedral de Ourense, na igrexa de Portomarín, Iria Flavia, etc.
Semellante podería ser a representación que se aprecia nunha estela discoidea de San Vicente de Castillós (Pantón), conservada no museo provincial de Lugo.
A presencia destes motivos xunto con outros que non corresponden a temática prehistórica, aquelas que se superpoñen ás figuras clásicas do Bronce e que teñen un suco distinto, ou, os inscritos nos sillares dos castelos e os arriba citados de igrexas e catedrais, podémolos situar nun período non inferior ó século XI, cunha abundante proliferación entre os séculos XIII e XIV.
Poderemos pensar nesta pedra como un posible límite divisorio.
ó redor
A CALZADA DE PEDRIDE
A Pedra e o petroglifo de Pedride están a ambas as dúas beiras da chamada Calzada de Pedride que ven delimitando o xacemento romano de Proendos polo leste. Este camiño empedrado estaría cerca ou formaría parte do que Benito Sáez Taboada (As Vías Romanas na Provincia de Lugo. Ed. Lea, Santiago, 2004) faría provir do Dactonium –seguindo a Arias Vilas, Castillós, en Pantón- e cruzando o Cabe pola ponte de Canaval, pasaría pola Berea (Sober), Proendos, Liñarán, Santa Mariña, Castro de Gundivós, Sanmil, Mourentán e Doade, cruzando o Sil pola ponte de Paradela. Tamén poderíamos pensar, como di Rodicio, que a Calzada de Pedride podería seguir ata a Xabrega (San Martiño de Anllo) para pasar á orela ourensá polo chamado Pear da Ponte, hoxe asulagado polo encoro.

PETROGLIFO DO PREGUICEIRO

Santiorxo
Motivos: coviñas, sucos.
Fomos, aquel día, acompañados polo Oscar, a Carme e a súa filla Paula, que tamén nos acompañou ó de O Campo da Cha, xa referido. De Veliños andivemos polo camiño de Abaixo, polo Souto do Gaio e logo polo Agro do Preguiceiro onde se atopa a pena. Sobre ela hai gravadas 33 coviñas de entre 13 e 4 cm unidas, algunha, por sucos; todo elo enmarcado dentro dunhas líneas aparentemente naturais (diaclasas).
Estas insculturas pasan moitas veces desapercibidas pola sixeleza dos seus motivos, ó contrario que os moito máis chamativos motivos circulares. O seu descoñecemento tamén se debe, loxicamente, ó abandono das actividades agrarias. Á volta, os nosos guías encabezados pola Paula, aproveitaron para apañar zarrotas, moi abundantes na zona.
ó redor
A CASA DE VELIÑOS
Hoxe transformada, conserva o porte de grandeza doutrora da que loce a sobriedade da fachada sur e a fermosa capela convertida en adega que tiña na pechadura da porta, segundo temos oido, o ano de 1472 gravado. Entre os dous edificios atópase a entrada principal modificada, que debeu formar un arco de medio punto, roto para darlle máis altura. Sobre o arco deberon estar os dous escudos citados no Inventario del Patrimonio Artístico de España, ou polo menos un deles do que hai constantancia oral. Dísenos no inventario: “En esta casa había dos escudos de piedra, uno cuartelado, con cinco estacas, una torre, león rampante y un árbol acostado de dos vieiras; el otro, partido, con jaquelado y banda con cinco vieiras”.
Na cara oeste, no dintel dunha pequena porta figura unha Tau. Era a insignia dos comendadores da orde de San Antonio. Dos antonianos foron en Castrojeriz, no século XII, encomendeiros os Castro, por iso figura nas súas construccións. Foi utilizada, tamén, a Tau, como protección antipeste. Na Casa da Lama, unha casa forte de labranza perto da de Veliños, hai un dintel invertido nunha porta lateral, onde figuran unha Tau e unha vieira. Era a vieira o símbolo distintivo dos pelegríns e atributo, entre outros santos, do noso señor Santiago. O cristianismo recollendo a idea da concha fecundada mediante a Tau do ceo, convertíuna en símblo de María. Din algúns que a vieira pasou a formar parte do rito xacobeo porque o camiño orixinal remataba en Fisterra, derradeiro reducto da terra coñecida, e a vieira era a representación do sol afundíndose na liña inmensa do horizonte. Unha Tau e unha viera poderían ter aquí o sentido de protección dos viandantes, podendo estar ubicado na casa de Veliños un hospital para acollelos. O único camiño relevante do que temos constancia é o que vindo da Barca de Portabrosmos pasaba por Veliños cara as Lamas de Bulso, para continuar por Nabán, Vilanova, O Fervedón, A Venda, e entrar en Monforte polo Reboredo.

AS OUTRAS INSCULTURAS PERDIDAS

Facemos un apartado para os petroglifos non localizados pero dos que existen referencias bibliográficas ou textemuños orais contrastados.
pena das portelas
Proendos
Motivos: coviñas, sucos, pileta.
A mediados dos anos 40 do S. XX describía así Vázquez Seijas: “Al Este de la finca donde estaban las sepulturas que contenían esqueletos humanos, situada a menos de medio kilómetro de la Casa Rectoral, hay una peña, conocida con el nombre Das portelas, cuya configuración puede verse por el dibujo que publicamos (Fig. 1). Mide en su eje mayor unos seis metros y en el menor, al centro, tres. Presenta, a partir de su parte más elevada, dos pequeños hoyos redondos, unidos por surco radial a otro de forma ovalada, que a su vez enlaza con una pileta de mayores proporciones, 50 x 25 centímetros, y 26 de profundidad, con cabida aproximada de tres litros, siguiendo el surco o canalillo hasta el borde inferior de la piedra. A la izquierda hay dos coviñas, y un poco más abajo, un hoyo pequeño, alargado, del que deriva también ligera ranura que se pierde en el resto de la superficie de la peña, sin duda por su desgaste natural, como asimismo ocurre con las rayas imprecisas de la parte superior, e inferiores de la derecha”.
petroglifo das tapias
Proendos
Motivos: círculos concéntricos, coviñas e sucos.
Está cerca dos petroglifos do Xestal. Cóntanos o informante que era unha pena que estaba rasante coa terra, e tiña os mesmos motivos que os do Xestal. Tapouno antes de emigrar cara Vigo por temor a non poder utilizar o eido si se lle enteiraban os de Patrimonio. Indicounos o lugar onde se debería encontrar. Hoxe é un lameiro.
petroglifo das tercias
Proendos
Motivos: círculos concéntricos.
Con varios grupos de círculos concéntricos, nesta pena deixaría as pegadas o Cabalo de Santiago ó saltar dende O Xestal.
petroglifo do monte do coto
Proendos
Motivos: círculos concéntricos.
Son moitos os testemuños que nos falan dunha pena no Monte do Coto con varios motivos circulares e coviñas. Sería unha pena de boas dimensións pola que os pequenos que andaban por alí co gando xogarían a esvarar por ela. Todos os informantes coinciden na súa descripción. Está nun lugar de difícil acceso polo abandono das labouras agrícolas.

O SALTO DO CABALO DE SANTIAGO

Dispoñémonos a dar un salto marabilloso, a rememorar o galope fantástico do albo cabalo de Santiago cando brincou dende a pedra da Tapada do Monte, xunto ó rego de Baldeiros en Anllo Santo Estevo, ás Cerdeiriñas, por baixo mesmo do impresionante Castro dos Penedos, preto do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, no concello de Nogueira de Ramuín, Ourense.

A nosa humanidade imperfecta obríganos a salvar a distancia a pé, mais camiñando porémoslle medida ó espazo e á paisaxe e paladeraremos, coma se de unha boa comida de tratase, cada recoveco, cada reviravolta, cada loita tarabela entre as luces e as tebras, as cores e as formas indefinidas das cousas.

A nosa batalla non será contra os mouros -ó fin, todos nós participamos da mesma esencia, pois sempre foron máis para a nosa Cultura os habitantes dos castros que os vidos de África -, a nosa porfía teimuda será contra o esquecemento, contra a perda das vellas relacións entre as dúas orelas do Sil, que a lenda que nos serve de leitmotiv pon en evidencia. As relacións familiares, comerciais, de encontros e desencontros, do imaxinario colectivo, dos vellos camiños romanos cruzando o río polo Pear da Ponte, ou subindo pola Barca e enlazando cos portus o antergo dominio do mosteiro bieito, a poderosísima abadía hoxe convertida en Parador, as intensas relacións dun territorio único, que mira un para o outro dende os outos ribeiraos, coma un reflexo de sí mesmos, e para quenes o río e os inmensos cavorcos configuran un xemelgo sentir.

Foi o encoro, feito a mediados do século XX, e a sangría da emigración, a causa da fenda entre as dúas metades deste paraíso, onde os cenobitas encontraron o repouso e a inspiración para achegarse a Deus. Paradoxa da imposta modernidade, feita para beneficiar ós alleos, asulagando os mellores eidos en troques dun progreso que aquí só deixou o abandono e a explotación.

Volvemos nós por estes vellos camiños engarzando co elo da lenda as vellas relacións; porque as lendas son verdade: as pontes, os saltos descomunais, os seres que se agochan nos penedos, nos regos, nos soutos, fan desta viaxe iniciática, da Pena do Baldeiros ó Castro dos Penedos, unha volta ó onphalos nutricio, dende onde poderemos abrirnos ó mundo.

* Texto e foto: Alfonso Campos Pérez. Mapa: Javier Vivirido.
Ver máis en ACTIVIDADES.

BIBLIOGRAFÍA TRABALLO PETROGLIFOS

· ÁLVAREZ MERAYO, IVÁN A.; Catalogación e delimitación dos xacementos arqueolóxicos do Concello de Sober, Lugo. 2007.
· ARIAS RODRÍGUEZ, RAQUEL (coord.) Sober. Servizo de publicacións da Deputación Provincial de Lugo. 1998.
· BIEDERMANN, HANS; Diccionario de Símbolos. Ed. Paidos Ibérica, S.A.; Barcelona, 2004.
· BRADLEY, RICHARD e FÁBREGAS VALCARCE, RAMÓN; “Arte Rupestre e Sociedade”. En: Historia da Arte Galega (fac. 4). A Nosa Terra; Vigo, 1998.
· CASTRO LÓPEZ, RAMÓN; Reseña Histórico-Descriptiva de la Parroquia de Vilar de Ortelle y Comarca. Servizo de publicacións da Deputación Provincial de Lugo, 1929 (ed. facsímile, 2000).
· CASTRO PÉREZ, LADISLAO; Sondeos en la Arqueología de la Religión en Galicia y Norte de Portugal. Universidade de Vigo, 2001.
· COSTAS GOBERNA, FERNANDO JAVIER e HIDALGO CUÑARRO, JOSÉ MANUEL (coord.); Los motivos geométricos en los grabados rupestres prehistóricos del continente europeo. Asociación Arqueolóxica Viguesa. Serie “Arqueología Divulgativa”, nº 2, Vigo, 1996.
· COSTAS GOBERNA, FERNANDO JAVIER e HIDALGO CUÑARRO, JOSÉ MANUEL (coord.);
Los motivos de fauna y armas en los gravados prehistóricos del continente europeo. Asociación Arqueolóxica Viguesa. Serie “Arqueología Divulgativa”, nº 3, Vigo, 1998.
· COSTAS GOBERNA, FERNANDO JAVIER e HIDALGO CUÑARRO, JOSÉ MANUEL (coord.); Reflexiones sobre el arte rupestre prehistórico de Galicia. Serie “Arqueología Divulgativa”, nº 4, Vigo, 1996.
· DIÉGUEZ, LOIS; Viaxe ás terras encantadas de Lemos. A Nosa Terra. 1999.
· FÁBREGAS VALCARCE, RAMÓN (ed); A Idade do Bronce en Galicia. Ediciós do Castro. Sada, A Coruña, 1998.
· FERNÁNDEZ LLANO, ENRIQUE; Descripción del término Municipal de Sober. Imprenta Fénix. Monforte de Lemos, 1977.
· G. RODICIO, ANTONIO; “O Porto Senabreca e a posíbel vía romana Chaves-Monforte”. Raigame. Deputación Provincial de Ourense, Maio - 2000.
· G. RODICIO, ANTONIO; “Vía romana de Astorga a Orense por el Castro Vitoria”. Boletín Auriense XV.
· PEÑA SANTOS, ANTONIO DE LA; “Os gravados rupestres galaicos”. Historia da Arte Galega. Fac. 5. A Nosa Terra, Vigo, 1998.
· PEÑA SANTOS, ANTONIO DE LA e VÁZQUEZ VARELA, J.M.; Los petroglifos gallegos. Ediciós do Castro, Sada, A Coruña, 1996.
· PEÑA SANTOS, ANTONIO DE LA; Galicia. Prehistoria, castrexo e primeira romanización. A Nosa Terra, Vigo, 2003.
· SÁEZ TABOADA, BENITO; As vías romanas na provincia de Lugo. Ed. Lea, Santiago, 2004.
· VV. AA. Proencia. Asociación de Veciños “Proencia”, Sober (Lugo). 1999, 2000, 2001.
· VV.AA.; Inventario artístico de Lugo y su provincia. Centro Nacional de Información Artística, Arqueológica y Etnológica, Madrid, 1983.
· VÁZQUEZ SEIJAS, MANUEL; “Aportación de la provincia de Lugo al Corpus petroglyphorum Gallaeciae”. Boletín de la Comisión de Monumentos de Lugo. Nº 14, 15. 1945. 1946.

A CUESTIÓN DAS COVIÑAS ILLADAS

¿Que facer coa coviñas illadas?
Cando vemos inscripcións que responden a tipoloxía das do grupo galaico de arte rupestre ó ar libre, ¿cantas precisamos para darlle sentido os motivos: unha, dúas, tres, un conxunto chamativo, relacións con outras próximas? Un tema nada doado de resolver. A universalidade, a pluralidade de significados, o tempo abranguido, a simplicidade, complican a cuestión.
Preguntámonos se unha coviña é suficiente en si mesma para refrexar a vontade do escultor, se a cantidade explallándose pola pedra forma un deseño perfectamente estudado onde se establecen relacións espaciais, matemáticas; e preguntámonos, en todo caso, se podemos falar de arte onde o artificio e a intencionalidade son a causa dunha coviña illada, ou dúas, ou tres…
¿Un problema estético simplemente, ou o símbolo agochado nunha forma esculpida nunha determinada pedra e non en outras, nun determinado lugar do territorio e non en outro, como expresión ideolóxico-relixiosa dun pobo concreto, ubicado nun momento histórico máis ou menos amplo, debe facer que valoremos ó mesmo nivel estas manifestacións case invisibles coas máis chamativas?
Esí, a pena dos Lagos, de Veliños, do Tesouro, de Pedride, do Cima do Lugar de Francos, etc.